AVISOS
30/12/2016
Reto de lectura
Reto de lectura
Desde a Biblioteca Pública de Lugo queremos propoñervos un RETO DE LECTURA e animarvos a ler connosco 14 títulos distintos ao longo de 2017.

Pero non 14 títulos calquera, senón que cumpran con algún dos requisitos que vos suxerimos a continuación:

  1. Un libro que entrase como novidade á biblioteca.
  2. Un libro de non ficción (ensaio, historia, ciencia, etc.)
  3. Un libro dalgún dos puntos de interese da biblioteca.
  4. Un libro en galego.
  5. Un libro dunha autora africana.
  6. Un libro dun autor que gañase un premio nos últimos 15 anos.
  7. Un libro de poesía.
  8. Un álbum ilustrado.
  9. Un clásico esquecido.
  10.  Un libro que debías ler e non liches.
  11. O libro favorito dalgún familiar ou amigo.
  12. Un libro cuxo protagonista estea de vacacións.
  13. Un libro cuxo autor sexa da túa cidade.
  14. Un libro escrito por unha muller antes de 1900.

O obxectivo, desde logo, é gozar lendo e, ao mesmo tempo, facelo o máis variado posible. E se necesitades un incentivo, a finais de 2017 sortearemos un agasallo entre todos os que compartades connosco cales foron os 14 libros que escollestes

para cumprir o noso RETO DE LECTURA.

Ao longo do ano podedes ir compartindo connosco en que lecturas estades enfrascados a través de Twitter @Biblioteca_Lugo, Facebook @BibliotecaPublicaLugo e Instagram @bibliolugo. A principios de decembro colgaremos unha nova entrada no blog para que poidades subir a lista completa coas vosas eleccións e facer así o reconto para o sorteo final.

Para axudarvos a escoller unha lectura para cada unha das propostas suxeridas, desde a biblioteca colgaremos cada mes unha nova entrada dedicada a un dos puntos cunha variada selección de títulos entre os que poder elixir aquel que máis vos guste.

Sumádesvos ao reto?