COMO PODO?
Acceder a documentos doutras bibliotecas

Pode acceder a documentos doutras bibliotecas mediante o préstamo intrabibliotecario (documentos que se atopan noutras bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia) e o préstamo interbibliotecario (aquelas publicacións que precises para fins de investigación ou estudo pero que non se atopen entre os fondos da Biblioteca nin das restantes bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia).

Para efectuar un préstamo intrabibliotecario pode localizar o título do seu interese no catálogo colectivo da Rede de bibliotecas da Xunta de Galicia e solicitalo nos mostradores de préstamo da primeira e da segunda planta da biblioteca. Pode solicitar un documento, salvo no caso de que a obra estea constituída por varias partes (volumes dun libro, capítulos dunha serie etc.), que poderá solicitar ata tres.

O prazo de recepción do material solicitado soe ser de 2 ou 3 días. Unha vez recibido, a biblioteca porase en contacto con vostede para comunicalle a chegada do documento. Hai 7 días para facer a recollida. No caso de que non se retire o material solicitado nese prazo, será sancionado.

Os prazos de devolución, as renovacións etc. son comúns para toda a rede de bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia na que se inclúe a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.

No caso de querer facer un préstamo interbibliotecario a propia biblioteca encargarase de localizar a obra e de solicitala á entidade correspondente polo método máis urxente, xa sexa o orixinal ou unha reprodución do mesmo (fotocopia, copia escaneada etc.). A consulta dos orixinais solicitados farase nunha sala da Biblioteca a non ser que a biblioteca prestataria permita o préstamo a domicilio.  Só se xestionará se o servizo pretado pola outra biblioteca é gratuíto

O número máximo de documentos que se poden solicitar nunha petición é de 1.

O prazo de recepción do material solicitado dependerá da biblioteca prestataria (distancia, método de envío...). Unha vez recibido, a biblioteca porase en contacto con vostede para comunicarlle a chegada do documento. Ten 7 días para facer a recollida. No caso de que non se retire o material solicitado nese prazo, a sanción será de 10 días sen préstamo.