SERVIZOS
Servizo de préstamo e consulta de recursos electrónicos (GaliciaLe e Biblioteca Dixital da Rede)
O acceso da cidadanía á lectura en formato electrónico materialízase para os usuarios/as das bibliotecas públicas galegas a través do servizo de préstamo e consulta de recursos electrónicos dirixido aos lectores/as con carné de calquera das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que, de xeito gratuíto, teñen á súa disposición estes recursos. A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, como centro integrante desta rede, oferta este servizo aos seus usuarios/as.

 

Estar en posesión do carné da biblioteca dá acceso ao servizo de préstamo de libros electrónicos a través da plataforma GaliciaLe e á consulta de bases de datos, enciclopedias e outros recursos electrónicos da Biblioteca Dixital da Rede

GaliciaLe

GaliciaLe é a plataforma do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á lectura neste formato.

GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar.

 

 

GaliciaLe  engloba dous catálogos:

  • “Catálogo do libro electrónico galego” 
  • “Catálogo do libro electrónico en castelán”

Os libros incluídos nestas dúas contornas poden lerse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.

Para poder acceder ao préstamo dos libros electrónicos tan só é preciso ser usuario/a con carné da biblioteca e estar rexitrado/a na base de datos de GaliciaLe.

Máis información en http://www.galiciale.gal/ e na propia Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.

 

Biblioteca Dixital da Rede

A Biblioteca Dixital da Rede engloba unha selección de obras de referencia en formato electrónico accesibles en liña para a súa consulta:

  • O Banco de Contidos de Planeta é o maior banco de contidos dixitais en lingua española. Dirixido tanto ao público adulto como ao infantil e xuvenil, conta con innumerables materiais de consulta de todas as áreas do coñecemento e cunha ampla oferta audiovisual (fotos, vídeos, interactivos, audios…) que fai deste recurso un contorno educativo adaptado ás necesidades actuais do alumnado.
  • E-Junior é unha enciclopedia electrónica dirixida aos rapaces de primaria e primeiro ciclo de secundaria, adecuada aos contidos curriculares que se desenvolven nestas etapas.
  • A Hemeroteca Dixital Iconoce é un servizo de novas (tanto actuais como retrospectivas) aparecidas en medios dixitais de todo o mundo: prensa, publicacións especializadas en economía, deporte, tecnoloxía... , blogs e confidenciais.
  • Gale Virtual Reference Library permite a consulta de obras de referencia de todas as áreas do coñecemento (historia, ciencia, tecnoloxía, medio ambiente, arte...) en formato electrónico. A diferenza dos libros que contén GaliciaLe,  os títulos da Gale Virtual Reference Library non están dispoñibles para o seu préstamo senón para consulta.

Para poder acceder á consulta destes recursos tan só é preciso ser usuario/a con carné da biblioteca e estar rexistrado/a na base de datos da Biblioteca Dixital da Rede.

Máis información na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.