MÁIS BIBLIOTECAS

Museo Marco

A Biblioteca - Centro de Documentación, inaugurada en novembro de 2004 e sita no 1º andar do MARCO, é un servizo totalmente gratuíto que ten como obxectivo proporcionar información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI e outros aspectos relacionados coa cultura contemporánea.

Centro de documentación e recursos feministas

O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, dependente da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, é un servizo de xestión de información, documentación e materiais de traballo sobre muller, xénero e igualdade dirixido ao público en xeral ou a persoal especializado e interesado nas citadas temáticas.
Este centro recolle a documentación recompilada pola extinta asociación "GECM-Alecrín" dende os anos 80 e o fondo documental xerado pola Concellería de Igualdade de Vigo.

Biblioteca Xosé Neira Vilas

A biblioteca “Xosé Neira Vilas” é unha biblioteca pública, tanto pola titularidade, que é municipal, como polas persoas ás que se dirixe: ao conxunto da cidadanía sen ningún tipo de distinción de idade, raza, sexo, relixión, condición ou opinión, en contraposición ás bibliotecas de acceso restrinxido (investigación, escolares, universitarias, etc.).

Biblioteca da Fundación Penzol

A Fundación Penzol é unha entidade cultural privada sen ánimo de lucro. Creouse en 1963 por iniciativa de Fermín Penzol, cando decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temática galega de acceso público para a investigación.

Biblioteca Afundacion Vigo

Afundación dispón de tres bibliotecas na cidade de Vigo:
Biblioteca Teatro Afundacion Vigo: situada no último piso do Teatro Afundación de Vigo, a súa capacidade é de 300 persoas.
Biblioteca Afundación Travesas Vigo: situada nas Travesas cun aforamento de 127 persoas.
Biblioteca Afundación Calvario Vigo: situada no Calvario con ampla sala de lectura e servizo de préstamo de gran demanda.

Biblioteca da Universidade de Vigo

A Biblioteca da Universidade de Vigo xestiona e pon a disposición da comunidade universitaria un conxunto de recursos e servizos de información en apoio das súas actividades de aprendizaxe, docencia e investigación.
Está presente nos tres campus (Ourense, Pontevedra e Vigo) a través dunha rede formada por once bibliotecas coordinadas pola Biblioteca Central do campus Lagoas-Marcosende en Vigo.

Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia é a biblioteca central do Sistema Galego de Bibliotecas. Como centro promotor da cultura galega debe velar pola recuperación, conservación e difusión do patrimonio bibliográfico de Galicia e custodiar todos os libros, en calquera tipo de soporte, que se editan en Galicia, ou fora dela cando traten temas galegos ou se editen en galego.

Biblioteca Nacional de España

É un organismo autónomo encargado do depósito do patrimonio bibliográfico e documental de España. Dedicada a reunir, catalogar e conservar fondos bibliográficos, custodia arredor de 30 millóns de publicacións producidas no territorio nacional dende comenzos do século XVIII: libros, revistas, mapas, grabados, debuxos, partituras, folletos, etc.