ACTIVIDADES
E chegou o verán
Programa Xullo-Agosto 2018
Chegou o verán e aínda que é tempo de saídas, viaxes, paseos... e vacacións escolares, a Biblioteca prosegue co seu programa de actividades durante estes meses. En xullo mantemos as actividades de animación para os máis pequenos pero LEMBRADE que cambiamos os sábados polos XOVES. En agosto estaremos na Feira do Libro con nosa propia caseta. E non vos desaniméis os días de choiva porque, como di o noso refraneiro "Nin polo bo tempo te agaches nin polo malo te asañes". E ademais..., sempre vos podedes refuxiar na Biblioteca. Hai tanto por descubrir!!!

VISITAS GUIADAS “Ven a coñecer a túa biblioteca”, para coñecer a biblioteca e os seus servizos. Apuntarse presencialmente na biblioteca ou chamar aos teléfonos 881 960 378, 881 960 393. 

Martes e xoves, ás 12:00 horas.

FORMACIÓN DE USUARIOS: Para aprender a usar mellor os recursos da biblioteca.  Apuntarse chamando aos teléfonos 881 960 378, 881 960 379.

Mércores, ás 12:00 horas.

A Biblioteca ofrece tamén a posibilidade de concertar sesións baixo demanda para grupos.

PROGRAMA DE XULLO

Mostra bibliográfica "Viaxar sen saír de casa"

Podemos percorrer lugares do noso planeta sen necesidade de saír de casa. No noso centro de interese poderás atopar guías de viaxes, narrativa de viaxes, libros de etnografía e costumes, libros de ficción de autores de distintas nacionalidades. DVDS, CDS de música rexional... 

Do 5 de xuño ao 16 de setembro. Vestíbulo da biblioteca 

Mostra bibliográfica "50 ANOS DE MAIO DO 68"

Neste ano, e desde este mes, queremos lembrar o que foi o movemento e o espírito de maio do 68 - en Francia, no mundo e tamén en Galicia - cunha mostra na que expoñeremos os materiais que conserva a Biblioteca sobre este importante feito do que este ano celebramos o 50 aniversario. Un movemento poliédrico que uniu a estudantes e obreiros, que criticou o poder establecido, as súas rixideces e os seus comportamentos (guerra de Vietnam, ocupación de Praga, o perigo nuclear...), que serviu para mellorar as condicións laborais dos traballadores franceses, no que emerxeron os movementos ecoloxistas e que, en definitiva, foi un paso importante na conciencia da globalización da sociedade moderna e no cuestionamento da sociedade de consumo.

Do 28 de maio ao 30 de setembro. Primeira planta

XOVES DE ANIMACIÓN para os máis pequenos e MÁIS...

LEMBRADE que as actividades para os máis pequenos cambian de día: os Sábados de Animación pasan a ser XOVES DE ANIMACIÓN.

MOSTRA BIBLIOGRÁFICA "Xabier P. Docampo"

Xabier P. Docampo (Rábade 1946 - A Coruña 2018), unha das voces máis singulares da literatura galega e un dos pais da literatura infantil galega contemporánea, deixounos recentemente, a finais do pasado mes de xuño. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995 polo xa clásico Cando petan na porta pola noite, Docampo é autor dunha amplísima obra narrativa. A súa traxectoria viuse recoñecida nos últimos anos con premios como o da Irmandade do Libro ao Autor do Ano no 2009 ou a Letra E da AELG en 2014. 

"Fíxenme escritor porque teño memoria de min e dos meus, porque habito a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano", escribiu en 2004 para a páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que era Socio de Honra.

A Biblioteca quere renderlle unha pequena homenaxe cunha mostra bibliográfica que estará dispoñible na Sala Infantil ata o 31 de agosto.

Busca a súa obra no catálogo da Biblioteca: https://catalogo-rbalicia.xunta.gal/

Sala Infantil. Ata o 31 de agosto

MOSTRA BIBLIOGRÁFICA "Christine Nöstlinger"

A escritora austriaca Christine Nöstlinger (Viena 1936-2018), unha das autoras máis prolíficas, queridas e lidas das últimas décadas, faleceu o pasado 28 de xuño.

Nöstlinger escribiu máis dun centenar de libros, moitos deles publicados en español, entre os que destacan "Federica a pelirroxa", "Unha historia familiar", "Dúas semanas de maio", "A auténtica Susi" ou "Ilse foise". Entre as numerosas distincións que recibiu destaca o Premio Hans Christian Andersen de 1984, considerado o Nobel da literatura infantil, e o prestixioso Premio Astrid Lindgren, en honra da lendaria autora sueca de Pippi Calzaslargas. 

Nöstlinger destacou polas súas formulacións irreverentes, a súa crítica social e o complexo tratamento psicolóxico dos personaxes, algo que tivo unha gran influencia na literatura xuvenil posterior. Nada no seo dunha familia de ideas socialistas, as súas posicións progresistas e feministas estiveron moi presentes na súa obra, algo que espertou as críticas de sectores conservadores. Algúns afirman que "revolucionou" a literatura xuvenil ao abordar con humor temas ata entón pouco explorados, como os obstáculos de nenos procedentes de contornas difíciles, casos de discriminación e racismo, os problemas conxugais dos pais ou a cuestión da autoridade na familia.

Nöstlinger estudou Belas Artes e despois colaborou como debuxante e xornalista en varios medios antes de dedicarse á literatura a principios dos anos setenta. Ademais da novela xuvenil, a autora escribiu guións, teatro, poesía, varios volúmenes autobiográficos e crítica literaria en diversos medios. O presidente austriaco, Alexander Van der Bellen, lamentou que coa súa morte pérdase unha das voces literarias máis recoñecidas do país, e lembrou o seu enxeño lingüístico, humor e creatividade.

Busca a súa obra no catálogo: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/

Sala Infantil. Ata o 31 de agosto

Xoves  5 de xullo, ás 11:30 h., “XOGANDO COA HISTORIA”, por Taller de Cucarandainas

Taller que propón descubrir como xogaban os nenos e nenas na idade clásica.

Xa na antigüidade, os pais e nais consideraban o xogo como un aspecto vital na formación dos seus fillos e fillas e na súa preparación para a vida.

Na Ludoteca da Sala Infantil. Horario: xoves 5 de xullo ás 11:30 

20 nenos e nenas de 4 a 12 anos

Inscrición previa no formulario de solicitude, vía web, ou ben presencialmente na propia biblioteca ou chamando aos teléfonos 881 960 378 e 881 960 379

ATENCIÓN: ábrese a inscrición o martes 19 de xuño, ás 8:30 h.

Martes 10 de xullo, ás 11:30 h., STORYTIME “The Far West, por Kid&Us Language School, A Coruña

Volve a hora de conto ou StoryTime. Unha representación dunha historia a través de diferentes personaxes, cancións e material complementario, para asegurar que os nenos e nenas poidan gozar dun espectáculo en inglés. Nesta ocasión, Kids&Us lévanos ata o lonxano Oeste.

O Sheriff ten un cabalo que sempre dorme. O Gran Xefe atópao e, como non sabe que é o cabalo do sheriff, lévallo para a súa casa. Cando o Sheriff decátase, sae correndo a buscalo. Quen quedará co cabalo, ao final?.

Nenos e nenas de 3 a 10 anos, e pais e nais. 

Martes 10 de xullo, ás 11:30, na Ludoteca da Sala Infantil.

Inscrición previa no formulario de solicitude. ATENCIÓN!!!, abrimos o prazo de inscrición o xoves 5 de xullo, ás 8:30 horas

Xoves 12 de xullo, ás 11:30 h., “FACEMOS A NOSA CASA", por Taller de Cucarandainas

Neste taller os participantes farán a casa dos seus soños, unha actividade sinxela para realizar conxuntamente entre pais e nais e fillas e fillos.

O obxectivo deste taller é desenvolver a imaxinación, a creatividade, traballar a plasticidade fina e a destreza ademais de fomentar a comunicación entre os membros da familia. 

Na Ludoteca da Sala Infantil. Horario: xoves 12 de xullo ás 11:30 

Horario: xoves 12 de xullo ás 11:30 

20 nenos e nenas de 4 a 12 anos, e pais e nais

Inscrición previa no formulario de solicitude, vía web, ou ben presencialmente na propia biblioteca ou chamando aos teléfonos 881 960 378 e 881 960 379  

ATENCIÓN: ábrese a inscrición o martes 19 de xuño, ás 8:30 h.

Xoves 19 de xullo, ás 11:30 h., “ESCOLA DE MAXIA”, por David Méndez

¡Visita esta especial escola! Os aprendices de mago aprenderán a facer trucos de maxia moi sinxelos e didácticos; rescatando ao mago que todos levamos dentro.

Na Ludoteca da Sala Infantil. Horario: xoves 19 de xullo, ás 11:30 horas

20 nenos e nenas de 6 a 12 anos

Inscrición previa no formulario de solicitude, vía web, ou ben presencialmente na propia biblioteca ou chamando aos teléfonos 881 960 378 e 881 960 379 

ATENCIÓN: ábrese a inscrición o martes 19 de xuño, ás 8:30 h.

PROGRAMA DE AGOSTO

A Biblioteca participa na “FEIRA DO LIBRO” da Coruña, do 1 ao 10 de agosto

Do 1 ao 10 de agosto a Biblioteca estará presente con caseta propia na Feira do Libro 2018 que todos os anos se celebra nos Xardíns de Méndez Núñez e que este ano o fai baixo o lema "Ler sen fronteiras".

A nosa presenza na Feira ten como principais obxectivos:

1. Informar sobre a localización da biblioteca e os seus servizos, facendo especial fincapé na gratuidade destes.

2. Difundir os fondos da biblioteca. Manteremos unha pequena mostra documental cunha selección das novidades da biblioteca: libros, cds, dvds… E mostraremos o funcionamento da plataforma de libros electrónicos GaliciaLe. 

3. Captar novos socios tanto adultos coma infantís. “FACEMOS O CARNÉ DA BIBLIOTECA na propia caseta.

E celebramos a nosa presenza na Feira cunha actividade especial para os máis pequenos: un "CONCURSO DE DEBUXOS".  Durante todo o tempo que dure a feira manteremos unha exposición con todos os debuxos que nenos e nenas que se acheguen á nosa caseta queiran realizar sobre o que lles inspira, suxire ou gozan na Biblioteca.

O último día de feira seleccionaremos os tres mellores debuxos e premiaremos aos seus autores cun lote de libros, que se entregarán posteriormente na Biblioteca.