Solicitar libros, películas, CD ou outros materiais que non hai na Biblioteca

Para teres acceso a obras que non están presentes no noso catálogo, hai dous camiños: recorrer ao sistema de préstamos intrabibliotecarios (tamén interbibliotecarios) ou facer unha suxestión de compra. En que consisten?

 

Botas en falta algo no noso catálogo?

Préstamos intrabibliotecarios e interbibliotecarios

 

A Biblioteca forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e mantén unha política de intercambio e colaboración coas restantes bibliotecas nodais (Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense) e coa Biblioteca Municipal Central de Ferrol. Unha das bases da mesma é o sistema de préstamos entre elas.

Este permite que, como usuario/-a, poidas acceder a documentos do catálogo colectivo da Rede malia que estes non formen parte do noso fondo bibliográfico. Cursando unha solicitude de préstamo intrabibliotecario, terás a posibilidade de pedir que che sexa enviada unha obra desde unha biblioteca allea á nosa. Para iso:

 

  • Achégate a calquera dos mostradores da biblioteca,  e nós encargarémonos de localizar a obra solicitada na biblioteca correspondente e pola vía máis urxente, xa sexa o orixinal ou unha reprodución.

Ollo! Non realices a reserva directamente desde a túa sesión no OPAC, pois a petición tramitaríase coma se foses usuario/-a da biblioteca á que te dirixes (nese caso, recibirías unha notificación para recoller o exemplar directamente alí).

  • Só podes solicitar un exemplar de cada volta, a non ser que se trate dunha obra dividida en partes (capítulos de series, libros en volumes...). Nese caso, poderás solicitar ata 3. 
  • O prazo de recepción do material solicitado dependerá da biblioteca prestataria (distancia, método de envío...). Unha vez recibido, a Biblioteca poñerase en contacto contigo. Terás 7 días para recollelo e, de non facelo, recibirás unha sanción de 10 días sen préstamo.

 

NOTA: Esta modalidade de préstamo non está, polo de agora, dispoñible nas bibliotecas municipais que integran tamén a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Para unha relación das mesmas, pincha nesta ligazón

 

Suxestións de compra

 

Se consideras que o noso catálogo carece dalgún recurso relevante ou hai algunha obra que che interese especialmente e non estea dispoñible na Biblioteca, animámoste a que nolo fagas saber. Para iso, poñemos en marcha o noso servizo de suxestións de compra. Estes son os pasos que debes seguir para tramitar unha desiderata ou recomendación: 

  • Enche o formulario en liña, incluíndo o maior grao de detalle posible nos datos sobre o exemplar desexado para facilitar a súa identificación, e envíao.
  • Se estás familiarizado/-a coa web da Biblioteca e realizas xestións a través da túa sesión de usuario/-a, na marxe esquerda da mesma atoparás a opción "As súas propostas de compra".
  • Tamén podes dirixirte a un dos nosos mostradores e pedirlle axuda ao noso persoal.

 

No noso departamento de adquisicións recibirán e valorarán a túa petición e, de ser aceptada, mercarase e notificaráseche a súa recepción para que sexas a primeira persoa en dispoñer da obra en cuestión.