Podes solicitar o carné de usuario de forma presencial na planta baixa da Biblioteca, cubrindo o formulario impreso e aportando unha foto, ou ben a través de Internet cubrindo o formulario en liña e remitindo a foto correspondente ao correo electrónico bpc.consulta@xunta.gal.
Para recollelo, é preciso presentar algún documento oficial que acredite a identidade (DNI, carné de conducir, pasaporte, NIE... ).
NOTA: Lembra que o carné é gratuíto, persoal e intransferible.
As persoas menores de 14 anos poden solicitar o carné infantil coas mesmas condicións ca os adultos, pero con restricións en canto aos materiais que poden levar. É preciso que unha persoa adulta (pai, titor) se responsabilice por eles. Se xa teñen DNI, deben presentalo. Se non o teñen, fáiselles un carné de lector ata que o teñan, momento no que se lles fará un carné de usuario novo. Ao cumprir os 14 anos faráselles o cambio de carné infantil por un carné de lector adulto.
As entidades tamén poden ter un carné para o préstamo de materiais. Terán que cubrir a Solicitude de carné de entidade. O trámite pode realizarse tamén na biblioteca.
O carné serve para:
- Levar libros, lectores de libros electrónicos, películas, cds de música, cd-roms, etc. a domicilio. É imprescindible presentalo para levar documentos en préstamo
- Acceder á páxina personalizada do catálogo onde se poden renovar os préstamos, reservar, suxerir compras, facer comentarios...
- Consultar a Biblioteca dixital
- Poder usar na Biblioteca portátiles, cascos...
- Acceder a GaliciaLe, a plataforma do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas
Este carné é válido para todas as bibliotecas integradas no Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Podes consultar unha listaxe de todas as bibliotecas que forman parte do catálogo nesta ligazón: Bibliotecas Integradas no Catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Os/as usuarios/-as deben comunicar os cambios que se produzan nos seus datos persoais. Os datos renovaranse cada 5 anos nos carnés de adultos e cada 3 anos de nenos.
A tarxeta só se cambiará no caso de deterioro ou perda; se se perde, hai que cubrir unha nova solicitude. A perda reiterada do carné conleva sanción.