Con motivo da conmemoración do centenario a finais do presente ano 2022 do nacemento da actriz de orixe coruñés María Casares, a biblioteca organiza a exposición "María Casares: residente privilexiada".
A inauguración terá lugar o 15 de febreiro de 2022 ás 12:00 horas.
Esta exposición trata de reconstruir mediante a mostra de 200 libros, fotografías, películas e documentos, a vida de María Victoria Casares Pérez, máis coñecida como María Casares, a súa contorna familiar e súa relación co mundo cultural francés ata a fin da súa viaxe neste mundo, que tería lugar na localidade francesa de Alloue.
O título da exposición fai referencia ao seu status na tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia, título que foi empregado tamén para publicar as súas memorias no ano 1980
A mostra divídese tendo en conta os diferentes momentos da súa vida:
- As orixes (1922-1931)
- O traslado a Madrid (1931-1936)
- O exilio (1936- 1996)
- O reencontro Galicia - América (1957)
- España (o regreso 1976). Estreando democracia
- Fin da viaxe (Alloue 1996)
A Biblioteca Casares Quiroga.
Dentro da exposición teñen especial relevancia 57 libros pertencentes á biblioteca persoal do seu pai, Santiago Casares Quiroga, político nado tamén na nosa cidade, que exerceu como ministro de diferentes carteiras durante a Segunda República. Estes libros forman parte dos 780 títulos e 1136 volumes depositados na nosa biblioteca.
Son exemplares que levan a sinatura manuscrita de Casares Quiroga, ou de Esther, filla de Santiago e irmá de María; libros que recollen obras que foron representadas pola actriz no teatro.
Ao final do percorrido recóllense os premios e homenaxes que recibiu ao longo da súa traxectoria profesional.
Datos prácticos:
- Horario de visita: de luns a venres de 8:30 a 20:30, sábados de 10:00 a 14:00
- Lugar: sala de exposicións da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
- Entrada de balde.