A Academia vén desenvolvendo toda unha serie de actividades, tal como fixan os seus estatutos:
- Información e asesoramento institucional á Xunta de Galicia e organismos públicos sobre patrimonio e bens artísticos, a afectos de catalogación, protección ou adquisición, denuncias o información pública sobor o estado e conservación do patrimonio de Galicia.
- Organización de cursos, ciclos de conferencias, audicións musicais, concertos e exposicións de belas artes, contando con seus propios fondos.
- Organización do Salón de Outono de Pintura: certame de pintura contemporánea de recoñecido prestixio, con carácter internacional e bienal. Con edición de catálogo.
Posúe unha biblioteca especializada en arte. No ano 1989 creouse o Arquivo Musical de Galicia, coa finalidade de contar cun fondo de documentación e información. Así mesmo, a partir de 1991, como consecuencia do incremento dos fondos sobre patrimonio artístico, así como varios legados fotográficos, entre os que destaca o do historiador don Manuel Chamoso Lamas, organizouse o Arquivo de Imaxes, de importante valor para a historia, a investigación e a documentación da arte galega.
A academia concede, como a súa máxima distinción, a Medalla de Honra en recoñecemento ao labor desenvolvido por persoas ou entidades públicas ou privadas no cultivo, fomento, protección e defensa das belas artes en Galicia. Tamén outorga a Medalla Marcial del Adalíd, nas súas categorías de ouro e prata, para premiar a contribución ao auxe e mantemento artístico da música por corporacións e membros non profesionais das distintas agrupacións de Galicia.
Ademais de publicar catálogos das exposicións realizadas, dos seus Arquivos Musical e de Imaxes, así como dos discursos de ingreso dos Académicos, edita como órgano de difusión a revista corporativa Abrente, de edición anual onde se informa das actividades académicas, con artigos, investigacións e ensaios sobre as distintas artes.