Real Academia Galega
Sede da Real Academia Galega

"A Real Academia Galega é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudio da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego."
Estatutos da RAG
Capítulo I, Artigo I

Desde a súa fundación en 1906, a Real Academia Galega foi concibida como unha ferramenta que os galegos e galegas se daban a si mesmos para o fomento da súa cultura e para a codificación e estudo do seu idioma. Nin nos momentos máis difíciles da nosa longa historia deixou esta institución de atender aquel compromiso inicial, sexa mediante as súas publicacións, sexa mediante actos de homenaxe pública a figuras senlleiras da nosa cultura. Hoxe, máis de cen anos despois daquela data, a Academia proponse manter o seu servizo á sociedade galega dando resposta aos novos retos formulados neste século que comeza.

Entre os obxectivos da Real Academia Galega:

Establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega, conforme o disposto na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística, do Parlamento de Galicia, nomeadamente:

  • A elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica.
  • O inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso.
  • A modernización e actualización do léxico.

Estudar e propor a restauración da onomástica galega.

Velar polos dereitos do idioma galego.

Defender e promover o idioma galego.

Asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social.

Estudar e dar a coñecer o patrimonio literario e documental da institución.

Decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.