Requisitos
Para poder facer uso del é preciso ter o carné de usuario/-a, válido para todas as bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia. A saber, os centros nodais:
- Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
- Biblioteca Pública de Lugo
- Biblioteca Pública de Ourense
- Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
- Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
- Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
E a rede de bibliotecas municipais. Para consultar a lista completa das mesmas, atoparás o directorio da rede aquí.
Ademais de ser requisito imprescindible para levar exemplares en préstamo, o carné de usuario/-a permite acceder:
- Á plataforma de libro electrónico GaliciaLe
- Á sesión persoal do catálogo, onde cada lector/-a pode renovar os seus préstamos, suxerir compras, facer comentarios etc.
Para obter o carné, abonda con cubrir un formulario en liña ou achegarse á Biblioteca e facelo de xeito presencial.
NOTA: Para recollelo, será imprescindible amosar o DNI ou un documento oficial de identidade con fotografía para a correspondente comprobación.
No caso dos/das menores de 14 anos, é necesario proporcionar o nome e o DNI (ou pasaporte) da persoa adulta responsable (pai, nai, titor/-a).
Se a petición de carné provén dunha entidade, o/a director/-a da mesma solicitará a alta da institución como usuaria e nomeará unha persoa responsable das xestións.
O carné de usuario/-a é gratuíto, persoal e intransferible. Soamente poderá cederse a outro/-a usuario/-a no caso de que a persoa interesada non poida acudir á Biblioteca. Previamente, deberá ter cuberto un formulario (dispoñible na web ou presencialmente) autorizando a outra persoa a dispoñer do seu carné. Para anular a autorización haberá que comunicalo por escrito á biblioteca.
NOTA: Calquera cambio ou modificación nos datos persoais (novo enderezo, teléfono, correo electrónico, revocación de autorizacións) deberá comunicarse á maior brevidade posible, de xeito que a Biblioteca proceda á súa actualización a efectos prácticos e de comunicación.
Modalidades de préstamo
Para dar resposta ás distintas necesidades dos/das usuarios/-as, e tendo en conta as características específicas dos materiais que compoñen o seu catálogo, a Biblioteca permite:
O préstamo persoal a domicilio
É a modalidade habitual. Realízase de maneira directa e singular a cada usuario/-a da Biblioteca. Comprende tanto o préstamo de obras ao público adulto como ao infantil. Velaquí as condicións de cada un deles:
1.- Público adulto (14 anos en diante)
O carné de usuario/-a adulto/-a permite levar en préstamo un máximo de 20 exemplares (entre libros, DVD, revistas, CD) por persoa. Malia a denominación "carné de adulto/-a", este dá acceso tamén aos materiais da Sala Infantil e Xuvenil.
NOTA: Pódense facer distintas combinacións de elementos (varios libros, películas, discos etc., xa sexan de adultos/-as ou infantís, ata acadar o máximo marcado).
Tipo de documento | Cantidade máxima | Período | Renovacións |
Libros (adultos/-as) | 5 | 21 días | 1 (21 días) |
Libros (infantís) | 5 | 21 días | 1 (21 días) |
Material audiovisual, sonoro e arquivos de ordenador (adultos) |
3 (de cada tipo) | 7 días | 1 (7 días) |
Material audiovisual, sonoro e arquivos de ordenador (infantís) |
3 (de cada tipo) | 7 días | 1 (7 días) |
Revistas (adultos) | 3 | 7 días | 1 (7 días) |
Revistas (infantís) | 3 | 7 días | 1 (7 días) |
Lector de libro electrónico | 1 | 21 días | 1 (21 días) |
2.- Público infantil (menos de 14 anos)
O carné infantil permite xestionar un máximo de 10 préstamos por persoa de cada volta. Este tipo de préstamo está suxeito aos materiais dispoñibles na Sala Infantil e Xuvenil, excluíndo libros, películas e outros documentos da Sala Xeral.
Tipo de documento | Cantidade máxima | Período | Renovacións |
Libros infantís | 5 | 21 días | 1 (21 días) |
Material audiovisual infantil | 3 | 7 días | 1 (7 días) |
Material sonoro infantil | 3 | 7 días | 1 (7 días) |
Arquivos de ordenador infantís | 3 | 7 días | 1 (7 días) |
Revistas infantís | 3 | 7 días | 1 (7 días) |
3.- Préstamo colectivo a entidades
É un servizo que ofrece a Biblioteca a asociacións, institucións públicas ou privadas, colexios e institutos, centros ocupacionais, agrupacións culturais, centros de recursos, grupos de teatro e outros colectivos. O obxectivo é facilitarlles o acceso aos materiais que conforman o noso catálogo.
A dirección ou persoa encargada da institución correspondente solicitará a alta da entidade cubrindo un formulario en liña e nomeando unha persoa responsable.
Por cada carné de entidade, pódense retirar un máximo de 30 documentos de cada volta.
Tipo de documento | Cantidade máxima | Período | Renovacións |
Libros (adultos) | 30 | 21 días | 2 (21 días c/u) |
Libros (infantís) | 30 | 21 días | 2 (21 días c/u) |
Material audiovisual, sonoro e arquivos de ordenador (adultos) | 10 (de cada tipo) | 21 días | 2 (21 días c/u) |
Material audiovisual, sonoro e arquivos de ordenador (infantís) | 10 (de cada tipo) | 21 días | 2 (21 días c/u) |
Revistas (adultos) | 10 | 21 días | 2 (21 días c/u) |
Revistas (infantís) | 10 | 21 días | 2 (21 días c/u) |
O préstamo intrabibliotecario
Ademais do préstamo a domicilio, na Biblioteca ofrécese esta outra modalidade. Grazas a ela, os/as usuarios/-as poden pedir en préstamo documentos que non se atopan no catálogo do noso centro, pero dos que si dispoñen noutras bibliotecas integradas na Rede galega (para unha lista das mesmas, ver a continuación. Nota: A Biblioteca Pública Municipal de Ferrol tamén colabora neste servizo).
- Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
- Biblioteca Pública de Lugo
- Biblioteca Pública de Ourense
- Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
- Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
- Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
Despois de localizar o título do seu interese no catálogo colectivo e comprobar que pertence aos fondos doutra biblioteca, o/ a usuario/-a interesado/-a en solicitar un préstamo intrabibliotecario pode facelo:
- De maneira presencial, dirixíndose a calquera dos mostradores da Biblioteca
- A través dun formulario en liña que deberá encher e enviar
NOTA: Só se pode solicitar 1 documento (libro, CD, DVD, revista etc.) por vía intrabibliotecaria de cada volta. No caso de que a obra estea constituída por varias partes (volumes dun libro, capítulos dunha serie etc.), poderán solicitarse ata un máximo de 3.
1.- Prazos de recepción
O prazo de recepción do material solicitado será como mínimo de 2 ou 3 días. Unha vez recibido, a Biblioteca poñerase en contacto co/coa usuario/-a para comunicarlle que ten 7 días naturais para recollelo. De non retiralo, será sancionado/-a con 10 días sen préstamo.
2.-Prazos de devolución
Os prazos de devolución e o procedemento de renovación son comúns para toda a Rede de bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia.
Préstamo interbibliotecario
É un servizo enfocado a facilitar o acceso do público a publicacións para fins de investigación ou estudo e que non se atopen nos fondos da Biblioteca nin das outras bibliotecas públicas pertencentes á Rede galega.
A Biblioteca encargarase de localizar a obra e de solicitala á entidade correspondente pola vía máis rápida, xa sexa en versión orixinal ou nunha reprodución (fotocopia, copia escaneada etc.). A consulta dos exemplares solicitados farase nunha sala da Biblioteca, a non ser que o centro prestatario permita o préstamo a domicilio. De cada volta, só se permite solicitar un exemplar en préstamo interbibliotecario.
Pódese tramitar:
- De forma presencial, cubrindo un impreso de solicitude no mostrador principal
- Por teléfono, chamando ao 881 960 384
- Por correo electrónico: bpc.pi@xunta.es
- A través deste formulario dispoñible na páxina web
NOTA: Os gastos deste servizo, de habelos, correrán por conta do usuario/-a.
Os prazos de recepción do material son variables e dependerán da biblioteca prestataria. En canto estea dispoñible na Biblioteca, esta procederá a avisar á persoa solicitante. Terá 7 días naturais para pasar recollelo. De non facelo, será sancionada con 3 días sen préstamo.