Torre de Hércules
Torre de Hércules, símbolo da Coruña

A Torre de Hércules é o único faro romano que desde as súas orixes ata a actualidade cumpriu coa súa función primixenia, a de servir de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións na súa travesía polo corredor atlántico. Cando se construíu, quedaba afastada da cidade romana de Brigantium -que orixinou A Coruña-, pero a distancia foise reducindo ata desaparecer. Na actualidade, a Torre está integrada na Coruña, dentro dun gran parque urbano que ocupa 50 ha.

O faro foi construído con toda probabilidade na segunda metade do século I ou nos primeiros anos do século II d. C. polo Imperio romano no Finis Terrae do mundo coñecido, é dicir, no noroeste de Hispania, na entrada do gran Golfo Ártabro que comprende as rías do Burgo, Ares e Ferrol para acompañar os barcos que bordeaban o extremo máis occidental do Imperio. O lugar elixido para a súa situación foi unha lomba rochosa, denominada Punta Eiras, de case 57 metros de altura, que está entre Punta Herminia e Punta do Orzán, dominando o extremo setentrional da península na que se asenta a propia cidade da Coruña.

Esta singular construción de planta cuadrangular (de, aproximadamente, 11,75 m de lado) presenta unha altura total de 55 m, dos cales 34,38 m corresponden á fábrica romana e 21 m á restauración realizada no 1789 para modernizar o sistema de sinalización marítima. Na actualidade, a Torre érguese sobre unha ampla plataforma poligonal de 32,40 m de ancho, que lle serve de base e que se construíu a principios do século XIX. Exteriormente, o monumento presenta unha estrutura prismática sobre a que se dispón un remate con forma de torre octogonal e reforzos de sección triangular nas esquinas, que suaviza o arranque da base cadrada. A este primeiro corpo sucédelle outro, decrecente en altura, que lle serve de base á lanterna na que está a potente lámpada que ilumina coa súa luz á intrépida xente dos mares.