Os martes obradoiros literarios: animando a ler aos clásicos

Luz Martínez, participante do programa de voluntariado cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia, imparte estes obradoiros para nenos e nenas de 6 a 8 anos

Esta actividade ten por obxectivo espertar nos nenos e nenas o interese pola lectura a través da música, o movemento e a psicomotricidade.

Ler e escribir convírtese así nunha actividade lúdica que parte dos propios intereses dos nenos. Durante as sesións, os cativos e cativas poden descubrir obras como Platero y yo de Juan Ramón Jiménez, Cantares Galegos de Rosalía de Castro, poesías populares galegas e de autores galegos como Neira Vilas, Helena Villar Janeiro, Luis Pimentel, etc. Así mesmo, os pequenos e pequenas achéganse á sonoridade dos poemas de Rubén Darío, á imaxinación desbordante de Gianni Rodari, etc.

A actividade tamén está aberta ás propostas que os propios nenos e nenas desexen facer.

Luz Martínez, voluntaria do Programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia, é mestra xubilada cunha amplia experiencia ensinando a ler e a desfrutar da lectura. Foi unha das pioneiras na aplicación do método de lectura global traballando con palabras apoiadas en imaxes para que o neno comprenda cada concepto desde o principio. Luz foi adaptando este método incorporando a música, que crea ela mesma, e o movemento para axudar aos rapaces e rapazas a ter unha capacidade de lectura máis fluida e comprensiva.

Na primeira sesión de cada ano dedícanse uns minutos á presentación da actividade para as nais e pais dos e das participantes.

Precisase inscrición previa chamando ao teléfono 881 999 401 ou presencialmente no mostrador do andar baixo.

Máximo 10 participantes. As sesións adáptanse ao calendario escolar (outubro-xuño)

Na sala infantil, todos os martes ás 18:30 h.

As sesións do curso 2018-19 comezan o 2 de outubro.