15/04/2019
A Biblioteca na Feira do Libro

A Biblioteca está na Feira do Libro no Paseo da Alameda

Un ano máis, por cortesía da Federación de Libreiros de Galicia, a Biblioteca Pública de Santiago participa na Feira do Libro de Santiago 2019 dende o día 28 de abril ata o 5 de maio, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 (fins de semana e festivos de 11.00 a 14.30 e de 17.30 a 21.30)

Todas as persoas que se acheguen ao Paseo da Alameda poderán coñecer a colección da Biblioteca a través dunha pequena representación dos seus fondos, constituída por libros, revistas e audiovisuais. Os asistentes terán a oportunidade de consultar estes materiais e obter información sobre os seus servizos: actividades culturais (contacontos, monicreques, concertos...), clubs de lectura, "biblioteca accesible", consulta de Internet, préstamo de portátiles, de tabletas, de e-readers, etc. No propio posto se facilitarán os trámites para facerse socio ou socia (impresos, realización de fotografías tamaño carné no acto...) e os novos lectores recibirán a tarxeta por correo postal no seu domicilio. Os máis pequenos disporán ademais dun espazo especialmente adicado a eles para que poidan achegarse á lectura e desfrutar cos libros nun ambiente agradable.

A Biblioteca Pública de Santiago, coa súa presencia na Feira do Libro de Santiago, desexa saír ao voso encontro das súas instalacións habituais, ao tempo que comparte un mesmo espazo cos libreiros, aos que agradece a súa invitación para participar neste evento, e a súa estreita colaboración ao longo destes anos de vida da biblioteca.