24/01/2019
Biblioterapia, lecturas saudables

A idea inicial de poñer en marcha un proxecto de biblioterapia xurdiu durante unha colaboración da Consellería de Sanidade con pacientes afectados por depresión e as súas familias. Con este punto de partida, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) comezou a traballar na articulación dunha iniciativa para revisar a evidencia científica dispoñible sobre o uso dos libros con fins terapéuticos e na súa implementación.

Para desenvolver o proxecto formouse un grupo de traballo con experiencia na materia, no que se integraron todos os axentes implicados, dende os profesionais do Servizo Galego de Saúde ata persoas con experiencia en grupos de lectura, profesionais de Bibliosaúde (Biblioteca Virtual do Sistema Público de Saúde de Galicia) e da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. O seu traballo, que se prolongou durante un ano, foi imprescindible para conseguir unha listaxe de libros avaliada e consensuada dende unha tripla perspectiva: clínica, literaria e lectora.

O resultado é un conxunto de libros para nenas e nenos, adolescentes e persoas adultas que poden ser empregados como apoio ou como complemento no seu tratamento, en grupos de lectura ou directamente polas persoas interesadas.

A edición en papel das obras está dispoñible nas bibliotecas dos principais hospitais de Galicia e nas bibliotecas públicas da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. 

As obras en formato electrónico dalgúns títulos poden consultarse na plataforma de préstamo da Rede de bibliotecas públicas de GaliciaLe.

Na biblioteca de Santiago podes atopar estes libros nunha mostra no 2º andar ata o 4 de marzo que pasarán ao 3º andar como un centro de interese fixo (a carón da Biblioteca Feminista)