06/05/2019
Celebración do día das Letras Galegas

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal invita ás compostelás e aos composteláns a sumarse á celebración do Día das Letras Galegas e proponlles as seguintes actividades:

 

*Martes 7 de maio, ás 11.00h na sala infantil. Gran Xogo das Letras Galegas. A cargo de EDUVIA. A través deste divertido xogo por equipos, os/as participantes coñecerán algo máis sobre a orixe e significado do Día das Letras Galegas e os autores e autoras homenaxeados ata o momento, ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e obra de Antonio Fraguas, o autor homenaxeado este ano. Alumnado dun centro educativo de Santiago de Compostela. Acceso restrinxido.

*Sábado 11 de maio, ás 12.00h no salón de actos. Contacontos “Lendas da noite” a cargo de MAI LÚA. Ao caer do día, no lusco e fusco, as historias saen do maxín. Historias perdidas na lembranza do tempo, de seres que moran nos bosques e estraños acontecementos envoltos nas brumas do pasado. Actividade dirixida a nenas e nenos a partir dos 4 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Martes 14 de maio ás 19.30h no salón de actos. Charla “Antonio Fraguas xeógrafo:A Geografía de Galicia” a cargo do profesor FRANCISCO DURÁN VILLA coa que quere recuperar para a sociedade actual o legado xeográfico de D. Antonio Fraguas a partir da súa obra, Geografía de Galicia, publicada no ano 1953, enmarcándoa no contexto do pensamento xeográfico do momento e nas realidades desta disciplina nas escalas galega e estatal, sen perder de vista o pasado correspondente á etapa republicana, onde a escala galega adquire protagonismo e da que vai ser debedora a súa obra. Francisco Durán Villa é decano da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e profesor titular da Área de Análise Xeográfica Rexional do Departamento de Xeografía. As súas principais liñas de investigación son a emigración, a demografía, a xeografía humana e os procesos asociados ao empobrecemento.

*Sábado 18 de maio ás 12.00h no salón de actos. Contacontos “Mitos e lendas de Galicia” a cargo de LISISTRATA. Contaremos a nosa historia máis máxica, lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, mitoloxía galega... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Todas estas historias chegaron ata nós grazas a persoas como Antonio Fraguas, a quen a Real Academia Galega lle adica o Día das Letras Galegas deste ano.“Eu traballei sempre por e para Galicia. Por amor á nosa Terra” (Antonio Fraguas). Actividade dirixida a nenos e nenas a partir dos 3 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*IX Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas. As bases poden consultarse dende o 23 de abril na páxina web da Biblioteca, no seu Facebook, así como nas propias instalacións do centro. Os traballos depositaranse do 23 de abril ao 13 de maio de 2019 na caixa de correos habilitada no mostrador da Sala infantil da biblioteca. O xoves 16 de maio ás 18.00h no vestíbulo realizarase a entrega de premios aos gañadores deste Concurso. Daranse 3 premios consistentes en lotes de libros e diploma e tres accésits que recibirán un diploma cada un. Os traballos premiados e finalistas estarán expostos na Sala Infantil do 16 de maio ao 18 de xuño.

Para completar estas actividades, todos aqueles que se acheguen á biblioteca poderán desfrutar do 2 ao 31 de maio coas mostras bibliográficas “Antonio Fraguas: historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista ” e “17 de maio, Día das Letras Galegas” no 3º andar e na Sala Infantil respectivamente.