Apertura do prazo de inscrición
19/02/2019
Club de lectura feminista #leoedescubroAutorAs

No mes de marzo arranca un novo club de lectura na biblioteca, denominado #leoedescubroAutorAs, de temática feminista e dirixido a persoas adultas.

Este club realízase ao amparo do Acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Coordinado pola escritora Andrea Barreira Freije, ten por obxectivo descubrir formas de estar no mundo. Descubrir sociedades, e realidades. Descubrir autoras, descubrir xeitos de narrar...e de ler. Abrir a ollada, que sexa crítica, atenta, sen deixar de gozar de cada páxina.

Neste club lemos obras en lingua galega, castelá, de narrativa e de banda deseñada, e compartimos cada lectura criticamente desde unha perspectiva de xénero.

O prazo para anotarse comeza o 20 de febreiro ás 8.30h e remata cando finalice esta actividade.

Podes inscribirte no mostrador de información da biblioteca, por correo electrónico (biblio.publica.santiago@xunta.gal) ou por teléfono (881 999 401). É preciso ser socia ou socio da biblioteca no momento da inscrición.

As sesións comezan o 11 de marzo e rematan o 3 de xuño. Teñen lugar en luns alternos de 19.30 a 20.45h nas salas de traballo do 3º andar. O número máximo de participantes é de quince.

Lembramos a todos os lectores e lectoras que a participación no club de lectura conleva a aceptación dunhas normas básicas que facilitan o seu correcto funcionamento.

Andrea Barreira Freije é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, máster en Comunicación Científica, Tecnolóxica e Medio-ambiental pola Universidade Carlos III de Madrid e máster en Estudos Internacionais pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicadas varias obras: a novela Palabra de Bruxa (Editorial Galaxia, 2018) ou a novela xuvenil de xénero fantástico, Non hai luz sen escuridade, (Urco Editora, 2015). Tamén participou nas antoloxías colectivas Contos do Sacaúntos. Romasanta o criminal (Urco Editora), Lendas de Gallaecia, Segunda Era e Encontros na Terceira Fase de Contos Estraños, Tebras na Alma (auto-edición), e Contos de Verán (Redelibros), para un público adulto. Ten unha ampla experiencia como coordinadora de clubs de lectura e na realización de obradoiros de escritura.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS