16/01/2019
Club de lectura infantil e xuvenil

O 30 de xaneiro ás 18.30h bota a andar para a rapazada de 9 a 12 anos o club de lectura infantil da Biblioteca Ánxel Casal.

Os mércores cada 15 días no recunchiño dos sofás da sala infantil leriarase arredor dos libros e da vida.

Quere ser este un lugar de encontro e escoita, no que compartir tempo libre diverso, desde a imaxinación, a creatividade, a reflexión e o pasalo ben, sen se mancar, ou vaia, mancándose cando cumpra ou cando a curiosidade poida máis. Non han faltar tampouco os xogos ou actividades... que as lecturas vaian motivando. Desde os libros e en cuadrilla cara historias e mundos por explorar.

O prazo de inscrición comeza o 16 de xaneiro e finaliza cando remate a actividade. Máximo 10 participantes. 

Se non tes carné da biblioteca este momento é o tal para o faceres, indispensábel para formares parte do club!

 

Deixémonos de contos, querémosvos na biblioteca!​

 

 

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS