28/03/2019
Día do Libro

Conemoramos o Día do Libro coas seguintes actividades:

*Sábado 20 de abril ás 12h no salón de actos. Contacontos Tecendo soños, a cargo de Lisístrata. Hai libros grandes e pequenos, libros de aventuras, de viaxes, de animais... libros que nos fan vivir momentos irrepetibles. Os libros espertan a nosa imaxinación e fannos sentir protagonistas das historias. Celebramos o Día do Libro tecendo soños nas máxicas historias que se agochan nos libros. Para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

*Martes 23 de abril ás 19.30h no salón de actos. Charla Como acabar dunha vez por todas coa literatura galega, a cargo do xornalista e escritor Diego Ameixeiras que fará, en clave irónica, un repaso aos problemas que rodean á literatura galega, con especial atención á súa invisibilidade e falta de lectores e lectoras. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

* Xoves 25 de abril ás 18:30h na sala infantil. Escape room de Harry Potter. Escapada de Azkaban. Actividade baseada nos xogos de escapismo mesturada con elementos de rol onde un grupo de meigas e meigos deberán solucionar unha serie de probas para escapar da prisión de Azkaban seguindo as instruccións deixadas por Sirius Black. A cargo de Antón Carro, participante no Programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia. Dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos. Precísase inscrición previa na biblioteca ou por teléfono, máximo 16.

* Sábado 27 de abril ás 12h no salón de actos. Contacontos Cantos libros que contar! a cargo de Ana Carreira. Sesión de contos na que a contadora peta nas portas dalgúns libros para convidar ao público a mergullarse nas súas historias. Para nenas e nenos de 3 a 10 anos.

*Sorteo de lotes de libros entre todos aqueles usuarios e usuarias que leven un libro en préstamo o día 23. Para a realización deste sorteo (o 24 de abril) será o noso programa informático o que elixa de forma aleatoria ás persoas agraciadas ás que se lles comunicará por teléfono a consecución do agasallo e ás que lles pediremos que nos permitan facerlles unha foto no momento da entrega para o noso Facebook.

*Visita guiada extraordinaria ás 12h para que os usuarios, usuarias, e aquelas persoas que aínda non o son, poidan coñecer todos os espazos e servizos que ofrece a Biblioteca.

*Mostra bibliográfica Bibliofilias da tribo. A biblioteca está feita de comunidade. Por iso, queremos mostrar as recomendacións de libros que nos fan as nosas usuarias e usuarios. No 2º andar do 8 ao 30 de abril.