Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma
15/04 - 30/04
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Día das Letras Galegas 2019

Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao investigador e profesor Antonio Fraguas Fraguas, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, deseñaron un amplo programa de actividades que abranguen iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, empresarial, musical e escénico, entre outros, dirixidas a todos os públicos, e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.

Forma parte desta programación institucional Letras Galegas 2019 da Xunta de Galicia a exposición central conmemorativa itinerante Antonio Fraguas, Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, que percorrerá 12 concellos das catro provincias para darlle a coñecer ao público xeral a obra e a figura de Fraguas, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais.

Deseñada e producida por Ronsel de Ideas, a exposición consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis en que se fai un percorrido pola vida, figura e obra dun dos intelectuais galegos máis destacados do século XX, ao que a RAG lle dedica este ano o 17 de maio. 
Antonio Fraguas realizou achegas á cultura galega en diferentes momentos da súa vida ata que, no final da súa existencia, coa chegada da democracia e da autonomía para Galicia, empeza a ver como se materializa o vello soño que guiou o seu percorrido vital. Ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra.

Pode visitarse na biblioteca do 15 ao 30 de abril.