“MICROMEDIOS” LUCENSES
14/11/2018
Exposición “MICROMEDIOS” LUCENSES
MICROMEDIOS LUCENSES MICROMEDIOS LUCENSES MICROMEDIOS LUCENSES QR MICROMEDIOS
Xornais, revistas e boletíns no comezo da Democracia (1975-1984)

 A Biblioteca Pública de Lugo súmase con esta exposición á celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial contribuíndo a dar visibilidade ao patrimonio bibliográfico de Lugo.

Esta exposición exprésanos o despertar dos impresos populares, que se produciu co cambio da dictadura a un estado constitucional democrático, que respectará os dereitos e liberdades da persoa, entre elas a liberdade de informar.
De 1975 a 1984, só na provincia de Lugo xurdiron máis de cen títulos froito do labor libre de mozos, alcaldes, empresarios, profesores, asociacións culturais, institucións relixiosas, asociacións de veciños... de información xeral ou de minorías, literarias ou de axuda a enfermos e discapacitados, de profesionais da enfermaría ou da nova arte dos fanzíns... de automobilismo, universitarios, escolares, deportivos ou de ocio.
Non están todas, porque -por exemplo- no Ministerio do Interior, entre 1976 e 1984, presentáronse 82 solicitudes de constitución de Asociacións de Veciños. Habitualmente, estas asociacións elaboraban un “Voceiro”, do que non facían depósito legal, polo que na actualidade é case imposible atopalos.
A riqueza e a tristura xorden por igual no sector “micromedios”, que así se denominan estes impresos. Riqueza, porque a sociedade organizouse por asociacións libres con obxectivos diferentes, naqueles anos nos que había que refacelo case todo. E a sociedade ferveu con asociacións de representantes de comercio, empresarios, construtores, amas de casa, ensinantes… había asociacións para promover obras comunitarias, divulgación da historia, homenaxear a xente esquecida… e crearon fanzines e escribion poemas… e atopamos iniciativas senlleiras como Preescolar na Casa, ou os traballos do Centro de Protección de Menores de Rábade. E micromedios políticos (Azo. Asamblea pro amnistía de Lugo), Sindicais (Voceiro de Lugo. Sindicato galego da Sanidade) ou fotocinematográficos como Fonmiñá informa.
A tristura radica en que, polo avance das novas tecnoloxías, os textos impresos en papel van desaparecendo, substituídos por e-mails, correo electrónico, blogs, xornais dixitais, twitter, wassap ou facebook.
Por iso, os impresos gañan co tempo. E neles vemos a nosa historia.
Moitísimas grazas a quen os conservan.
Rosa Cal, doutora en Ciencias da Información da UCM.
Coa colaboración de Xulio Xiz. Licenciado en Ciencias da Información e mestre, é cofundador de Ophiusa, Galicia Digital e Televisión Lugo.

Visita o noso blog da exposición.