Servizo de préstamo
Autopréstamo na comicteca

O servizo de préstamo ofrece ao público, de forma gratuíta, a posibilidade de ler ou consultar, durante un tempo determinado e baixo unhas condicións específicas para cada tipo de material, os documentos “prestables” da biblioteca.

O servizo de préstamo permite gozar da colección fóra das instalacións da propia biblioteca

Se o material solicitado non se atopa nin na biblioteca nin no resto de bibliotecas da Rede, pódese facer unha suxestión de compra que será valorada polo centro.

Requisitos

Para poder facer uso deste servizo é necesario ter o carné da biblioteca, válido para as bibliotecas públicas:

Ademáis do préstamo, a posesión do carné da biblioteca dá acceso:

- Á plataforma de libro electrónico GaliciaLe

- Á Biblioteca Dixital da Rede.

- Á páxina personalizada do catálogo onde o usuario pode renovar os seus préstamos, suxerir compras, facer comentarios...

- Ao servizo de Internet

Para obter o carné, tan só é preciso:

  • Cumprimentar o formulario de solicitude dispoñible nas páxinas web das bibliotecas da rede ou facelo presencialmente en calquera destes centros e aportar unha foto tamaño carné.
  • Mostrar o DNI ou o pasaporte para recoller o carné.
  • No caso de menores de 14 anos é necesario aportar o nome e DNI (ou pasaporte) dunha persoa adulta (pais, titores) responsable do menor.
  • Se a peticionaria é unha entidade, o director de esa entidade solicitará a alta da entidade como usuaria e nomeará a unha persoa responsable.

O carné de lector é gratuíto, persoal e intransferible. Unicamente poderá cederse a outro usuario no caso de que a persoa interesada non poida acudir á biblioteca. Previamente deberá cumprimentar un formulario (accesible na web e na propia biblioteca) para que outra persoa poida empregar no seu nome o seu carné e levar materiais en préstamo con el.  Esta autorización terá unha validez dun ano.

Ademáis, unha persoa poderá estar autorizada por un máximo doutros tres usuarios para o uso dos seus carnés de lectores.

Calquera cambio nos datos persoais (traslado de domicilio, información de contacto...) deberá comunicarse á biblioteca para que esta poida proceder á súa modificación a efectos de comunicacións.

A tarxeta só se cambiará en caso de deterioro ou perda. Neste último caso é preciso cumprimentar unha nova solicitude.

 

Modalidades de préstamo

A biblioteca ofrece o servizo de préstamo baixo as seguintes modalidades:  

- Préstamo persoal a domicilio: realízase directa e individualmente a cada usuario da biblioteca.

 

Adultos

O total de préstamos co carné de adulto é de 20 por persoa. Poden facerse combinacións cos materiais de adultos e infantís.

Cadro resumo do préstamo para adultos 

 

Infantil

O total de préstamos co carné infantil é de 17 por persoa.

Cadro resumo do préstamo infantil 

-Préstamo intrabibliotecario:

 A biblioteca proporciona, ademáis, a posibilidade de levar en préstamo aqueles documentos que non se atopen entre os fondos do centro; pero so nalgunha das restantes bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia:

O lector pode localizar o título do seu interese no catágo colectivo destas bibliotecas e solicitalo por calquera das seguintes vías:

O número máximo de documentos que se poden solicitar nunha petición é de 1. No caso de que a obra estea constituída por varias partes (volumes dun libro, capítulos dunha serie etc.), poderán solicitarse ata un máximo de tres documentos.

O prazo de recepción do material solicitado soe ser de 2 ou 3 días. Unha vez recibido, a biblioteca porase en contacto co lector para comunicarlle a chegada do documento. A partir dese momento o lector disporá de 7 días para facer a recollida. No caso de que non retire o material solicitado nese prazo, a sanción será de 10 días sen préstamo.

A devolución do documento farase na biblioteca onde se fixo a petición de préstamo intrabibliotecario.

Os prazos de devolución, as renovacións etc. son comúns para toda a rede de bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia na que se inclúe a Biblioteca Pública de Lugo

- Préstamo interbibliotecario:

 Petición de préstamo a bibliotecas que non son da rede xestionada pola xunta de Galicia. O préstamo interbibliotecario é un servizo que facilita ao lector o acceso a aquelas publicacións que precise para fins de investigación ou estudo pero que non se atopen entre os fondos da Biblioteca nin das restantes bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia.

A Biblioteca Pública de Lugo encargarase  de  solicitar a obra  á entidade correspondente polo método máis urxente, xa sexa o orixinal ou unha reprodución do mesmo (fotocopia, copia escaneada etc.). A consulta dos orixinais solicitados farase nunha sala da Biblioteca a non ser que a biblioteca prestataria permita o préstamo a domicilio.

O lector poderá solicitar unha obra en préstamo interbibliotecario presencialmente, no mostrador de Administración, cubrindo un impreso de solicitude.

Os gastos deste servizo, se os hai, son pola conta do usuario.

O número máximo de documentos que se poden solicitar nunha petición é de 1.

O prazo de recepción do material solicitado dependerá da biblioteca prestataria (distancia, método de envío...). Unha vez recibido, a biblioteca porase en contacto co lector para comunicarlle a chegada do documento.

A partir dese momento o lector disporá de 7 días para facer a recollida. No caso de que non retire o material solicitado nese prazo, a sanción será de 10 días sen préstamo.

-Préstamo colectivo a entidades:

 Este é un servizo que ofrece a biblioteca a asociacións, institucións, colexios e institutos, centros ocupacionais, agrupacións culturais, centros de recursos, grupos de teatro e outros colectivos.

O director ou persoa encargada da institución solicitará a alta da entidade cubrindo o formulario para solicitar o carné de entidade e nomeando a unha persoa responsable.

O número máximo de documentos que se poden retirar por carné é de 60 por biblioteca, 120 en total en toda a Rede.

Cadro resumo do préstamo para entidades

Renovacións

Os materiais prestados pódense renovar desde o día seguinte ao da realización do mesmo:

- Por teléfono

- Na propia biblioteca

- Vía web entrando no catálogo da biblioteca previa identificación co número de lector e un contrasinal por defecto, data de nacemento día e mes (catro díxitos). A renovación web só é posible se a obra non está reservada por outro lector.

 

Reservas

Se o lector quere levar en préstamo un exemplar que está prestado, pode facer unha reserva na propia biblioteca. Este servizo é de aplicación sempre e cando o material estea prestado.

O número máximo de reservas por persoa é de 6 (3 para libros e revistas, 2 para outros materiais e 1 para libros electrónicos)  

O prazo para recoller as reservas é de 3 días dende que o usuario ou usuaria é avisado. De non recoller as reservas, quedan anuladas.

Os documentos reservados non se poden renovar.

Devolucións

O material prestado poderá devolverse:

  • No mostrador de devolución.
  • Nas máquinas de autodevolución.
  • Na caixa de correo situada no exterior das instalacións da biblioteca. Esta opción permite facer a devolución fóra do horario de apertura da biblioteca.

Sancións

O incumprimento dos prazos de préstamo dará lugar a unha sanción de 1 día sen préstamo por día e documento adiado. Se o documento non se devolve á biblioteca, o carné do usuario quedará bloqueado permanentemente e non poderá levar ningún material en préstamo en ningunha das bibliotecas da rede.

En caso de deterioro dun documento por parte dun usuario, o persoal da biblioteca valorará se é posible a súa reparación cos medios de que dispón. Se non, o usuario deberá repoñelo.

En caso de perda dun documento por parte dun usuario, este deberá repoñelo.

Se o exemplar xa non está dispoñible no mercado, o persoal da biblioteca proporá un título alternativo. Mentres, o usuario non poderá levar ningún material en préstamo.

PREGUNTAS FRECUENTES