12/06/2023
Campamento Cultural na Biblioteca
Plan Concilia Verán 2023

Co fin de facilitar a conciliación das familias ourensás, a Biblioteca Pública de Ourense acolle de novo un Campamento cultural dentro do Plan "Concilia verán" que se realizará de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas, en catro quendas distribuidas do 26 de xuño ao 8 de setembro (festivos e fins de semana excluídos) e para nenos e nenas de entre 4 a 6 anos. Así as quendas dispoñibles serán: 

1ª quenda: do 26 de xuño ó 14 de xullo.

2ª quenda: do 17 ao 28 de xullo.

3ª quenda: do 31 de agosto ao 8 de setembro.

4ª quenda: do 21 de agosto ao 8 de setembro.

*Podendo seleccionar inicialmente só unha delas, coa posibilidade de seleccionar outra máis, sempre que existan plazas dispoñibles. Para participar no campamento é necesario facer a preiscrición a través da nosa páxina web ou no código QR do cartel anunciador dende o xoves 15 de xuño a partir das 9.00 h ata o 21 de xuño cubrindo exclusivamente o formulario de inscrición.  

O campamento cultural estará a cargo de Xeitura e ten como obxectivos posibilitar ás nenas e nenos gozar dunha alternativa lúdica e de calidade no seu período vacacional ao mesmo tempo que se axuda ás familias a conciliar a súa vida familiar e laboral; explorar as potencialidades das artes dos nenos e nenas participantes a través de actividades lúdicas e creativas arredor do libro, da lectura e da literatura e fomentar actitudes e hábitos creativos e de convivencia.

No caso de precisar flexibilidade horaria para a entrada (atención temperá dende as 8.30 h) ou a saída debe enviar un correo electrónico a inscricions.biblioteca.ourense@gmail.com

indicando as súas necesidades.

Esta actividade forma parte do Plan Corresponsables, financiado polo Ministerio de Igualdad (Gobierno de España) en colaboración coa  Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Secretaría Xeral de Igualdade, e está dirixida a familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero ou outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou calquera outra unidade familiar con necesidades en materia de coidados de nenas e nenos.

 

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS