A biblioteca

 

Historia da Biblioteca Pública de Pontevedra

A Biblioteca Pública de Pontevedra tivo a súa orixe no Instituto Provincial de Segundo Ensino de Pontevedra, creado en 1845 no que fose o antigo Colexio da Compañía de Xesús (Edificio Sarmiento, Museo de Pontevedra). Nas súas salas altas almacenábanse os fondos bibliográficos procedentes dos mosteiros desamortizados da provincia, foi así como aos poucos foise formando unha pequena biblioteca, que abriu por primeira vez ao público o 2 de febreiro de 1849. Co paso do tempo, a colección inicial medrou con cargo ás subvencións regulares que recibía da Deputación, tomando o carácter de “biblioteca provincial” o 3 de marzo 1869.

A situación da biblioteca nos albores do século XX foi moi inestable. O 9 de xullo de 1907 a Comisión Provincial acordou o seu traslado á Sala de quintas do Pazo Provincia e en 1920 a levaron a uns locais na Delegación de Facenda, onde permaneceu pechada durante unha década.

A biblioteca reabriu ao público en xuño de 1931, cando foi trasladada ao Instituto de Ensino Medio de Pontevedra (IES Valle Inclán). En 1960 volveu a cambiar de sede, esta vez instalouse na Casa dos Fonseca xunto co Arquivo Histórico Provincial. A insuficiencia deste local fixo que en 1984 o Ministerio de Cultura adquirise un solar de 1.456 m² na rúa Alfonso XIII, nel construíuse o edificio que ocupa a biblioteca na actualidade, que se inaugurou o 21 de xaneiro de 1988.

En 1981 o Estatuto de autonomía de Galicia estableceu no seu artigo 32 que lle correspondía á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, e no 27.18 atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre as bibliotecas de interese da comunidade, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.28.ª da Constitución. Para satisfacer estes mandatos constitucionais e estatutarios, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, que por vez primeira regulou o sistema bibliotecario galego con vontade de coherencia e sistematización das políticas públicas en materia de bibliotecas de Galicia. Con posterioridade, a Comunidade Autónoma asumiu a xestión da Biblioteca Pública de Pontevedra e das demais bibliotecas de titularidade estatal situadas en Galicia, en virtude dos convenios de transferencia de xestión asinados co Goberno central o 5 de decembro de 1989.

Por Orde de abril de 1995 a Biblioteca Pública de Pontevedra pasa a chamarse "Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola" en honra ao ilustre bibliógrafo Antonio Odriozola Pietas, cuxos estudos sobre a historia do libro e da imprenta, e maila súa erudición déronse a man para achegar importantes descubrimentos tipobibliográficos. Antonio Odriozola foi unha das figuras máis sobranceiras da biblioloxía española e da cultura galega, situando a Galicia e máis concretamente a Pontevedra como punto obrigado de referencia para os máis importantes bibliólogos do mundo.

 

Misión

Ser un centro de acceso ao coñecemento, á información e á cultura desde a perspectiva dun servizo público local.

Queremos crear un espazo aberto de convivencia, comunicación, información, promoción da lectura e aprendizaxe.

 

Visión

Aspiramos a ser unha biblioteca con procesos áxiles e innovadores que brinden servizos públicos de calidade, acomodados ás necesidades do noso usuariado e da comunidade á que servimos.

 

Obxectivos

— Formar un plan para alcanzar unha cultura de traballo baseada na planificación estratéxica e a avaliación de resultados para consolidar unha mellora na calidade dos servizos.

— Elaborar un plan de difusión e comunicación da biblioteca.

— Crear un sistema de comunicación interna.

— Establecer un plan de formación para contar cun cadro de persoal coa cualificación profesional adecuada.

— Poñer en funcionamento un plan para a adecuación de espazos, instalacións e equipamento para mellorar os servizos.

— Potenciar a biblioteca para convertela no centro cultural da comunidade, queremos ser un lugar de encontro onde se proporcione acceso á cultura e ao lecer.

— Desenvolver un plan de formación para o aproveitamento das novas tecnoloxías.