COMO PODO?
Como podo facer unha doazón?

Quero facer unha doazón á Biblioteca, que teño que facer?

 

POLÍTICA DE DOAZÓNS DA BIBLIOTECA PÚBLICA DE PONTEVEDRA

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola promove e agradece todas aquelas doazóns de libros e outros documentos que apoien os fins da institución e acepta moi gustosa todos aqueles materiais que contribúan ao enriquecemento do patrimonio bibliográfico galego.

 

NORMAS XERAIS:

- Facer unha  listaxe das obras que se queren doar que inclúa os seguintes datos: autor, título, editorial e ano. 

- Así mesmo deberán figurar os datos de contacto do doante (teléfono, enderezo e correo electrónico) para unha posterior comunicación.

- Non se aceptarán doazóns se antes non se recibe a listaxe.

- A listaxe de obras (dispoñible aquí para a súa descarga) poderá entregarse no mostrador da segunda planta da Biblioteca ou ben enviarse adxunta por correo electrónico á seguinte dirección suxestions.bibliotecas.pontevedra@xunta.gal

- Unha vez revisada a listaxe de obras, a Biblioteca porase en contacto co doante para comunicarlle se a doazón é aceptada ou non.

- Unha vez entregada a doazón, o doante aceptará que é definitiva e irreversible, e que en consecuencia o material doado pasará a ser propiedade legal da Biblioteca, reservándose esta o dereito a organizar, manter, doar a terceiros, expurgar, situar e utilizar os fondos como considere.

 

MATERIAIS QUE PODEN INTERESAR:

- Libros, DVDs, CDs, folletos, fotografías, carteis, postais e calquera outro documento de autor galego ou referido a Galicia anterior a 1958 e moi especialmente os que fan referencia a bisbarra de Pontevedra.

- Obras raras ou de especial valor bibliográfico.

- Tamén poderán ser aceptados libros e outros documentos de actualidade, ben encadernados e que se atopen en bo estado de conservación.

 

MATERIAIS QUE NON NOS INTERESAN:

- Libros ou documentos que se atopen en mal estado de conservación: rotos, sucios, danados, con humidade, etc.

- Libros de texto.

- Enciclopedias.

- Anuarios, estatísticas, directorios, libros técnicos ou de carácter científico de máis de 2 anos de antigüidade.

- Documentos audiovisuais en formatos obsoletos, vídeos en VHS, etc.

- Coleccións de xornais ou revistas que non sexan de temática local, ou números soltos que non completen a colección que xa conserva a Biblioteca.

- Reproducións, fotocopias, nin copias gravadas de audiovisuais.

Se tes algunha dúbida ou consulta podes dirixirte á Biblioteca