Servizo de acceso á Internet e ofimática

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola proporciona acceso gratuíto a Internet e a ferramentas ofimáticas. As súas instalacións dispoñen dunha infraestrutura que permite usar de xeito libre e privado as tecnoloxías da información e comunicación.

 

O servizo de acceso a Internet e ofimática engloba:

 

Conexión WiFi 

A conexión WiFi é pública e gratuíta, con cobertura en todos os espazos da biblioteca. O acceso á Internet a través da rede WiFi da biblioteca require de usuario e contrasinal persoal e non ten limitacións no tempo de conexión.

A utilización deste servizo implica un uso responsable, respectando a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual e evitando a descarga de contidos que poidan colapsar a rede.

Guía rápida de conexión WiFi

 

Conexión a Internet e ferramentas ofimáticas

Os postos de ordenadores con conexión a Internet e ferramentas ofimáticas distribúense do seguinte xeito:

— 2 postos na sala infantil

— 8 postos no terceiro andar

 

Para a utilización deste servizo é preciso ter en conta as seguintes indicacións: 

— O acceso a este servizo está aberto a todo o público e só é necesario autorrexistrarse.

— Cada persoa pode darse de alta neste servizo unha soa vez e ter un único nome de usuario/a rexistrado.

— O tempo máximo para a utilización deste servizo é de 90 minutos diarios ininterrompidos.

— Por motivos de seguridade, non se pode escribir no escritorio, instalar ningún programa, nin modificar a configuración do ordenador. Este reiniciarase automaticamente ao remate de cada sesión, de xeito que calquera arquivo creado durante a mesma será borrado do equipo.

— Para a creación de documentos a biblioteca proporciona acceso ao programa gratuíto LibreOffice. A persoa usuaria pode os seus documentos nunha memoria USB achegada por ela.

— Estes ordenadores tamén poden empregarse para consultar CDs e DVDs particulares ou da biblioteca, así como memorias USB.

— No uso dos recursos de Internet a persoa usuaria debe comprometerse a respectar en todo momento a lexislación vixente e facer un uso adecuado do servizo. Non se permite o acceso a páxinas con contido racista, xenófobo, pornográfico, violento ou que incite á violencia.

— A biblioteca non se fai responsable en ningún caso da información á que a persoa usuaria puidese recuperar/acceder a través dos postos de consulta de Internet.

— As persoas menores de 16 anos deben utilizar os ordenadores situados na sala infantil e ter a autorización do seu pai/nai ou titor/a, os/as cales terán que rexistrarse previamente.

— Pódense gardar as buscas en diversos soportes, respectando sempre o disposto na lexislación vixente en materia de propiedade intelectual. 

Inicio