Club de Lectura SELIC criminal

Club de Lectura de novela negra organizado pola SELIC en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal e a Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva de Braga

A SELIC pon en marcha o seu primeiro Club de Lectura Criminal en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal e a Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva de Braga.

Trátase dun proxecto que nace con vontade de continuar en vindeiras edicións do Festival da Lectura, pioneiro na unión de lectores de Galicia e Portugal e co obxectivo de ofrecer un espazo singular para mergullarse na diversidade da novela negra.

O coordinador do lado galego será o escritor Diego Ameixeiras que achegará a novela negra en lingua galega, española e portuguesa ás lectoras e lectores interesados.

As sesións celebraranse nas salas de traballo do 3º andar da biblioteca nas seguintes datas: 23 de xaneiro, 20 de febreiro, 19 de marzo, 16 de abril, 14 de maio e 11 de xuño de 19.30 a 21.00h

Ademais, coincidindo coa celebración da SELIC, realizarase unha derradeira reunión conxunta coas persoas participantes nos clubs das dúas bibliotecas. 

O prazo para anotarse comeza o luns 8 de xaneiro ás 8.30h e remata cando finalice esta actividade. A actividade está dirixida a persoas maiores de 18 anos e o número máximo de participantes é de quince. 

Os medios para inscribirse son: 

    • Presencialmente no mostrador de información: 
        De 8.30 a 21.00 de luns a venres. Sábado de 10.00 a 13.45h  
    • Por teléfono, chamando ao 881 999 401
    • Por correo electrónico: biblio.publica.santiago@xunta.gal

Lembramos a todas as lectoras e lectores que a participación no club de lectura implica a aceptación dunhas normas básicas que facilitan o seu correcto funcionamento.

As persoas que non son socias da biblioteca deben facer o carné no momento de solicitar a inscrición no club, do contrario non poderán participar nel.

En ningún caso unha usuaria ou usuario pode inscribir a outras/os. Cada comunicación de inscrición debe ser individual.

O número máximo de clubs nos que pode anotarse e participar un lector ou lectora nesta biblioteca é de 2. Se a persoa que se inscribe no club de lectura SELIC Criminal xa forma parte doutro club desta biblioteca, reservámonos o dereito de establecer en 1 o número máximo de clubs nos que se pode participar. En calquera caso, sempre nos poremos en contacto co usuario ou usuaria para que escolla o que máis lle interese.
      
Contactaremos unicamente coas persoas admitidas no club para confirmarlles a súa admisión, non coas que estean en lista de agarda.

Diego Ameixeiras nado en Lausana o 5 de novembro de 1976, pero criado en Ourense, é un xornalista e escritor galego.
Publicou dúas novelas de serie negra ambientadas en Ourense: Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), protagonizadas polo detective Horacio Dopico. O estilo destas dúas obras, parodia do hard-boiled enchido de dialectalismos correspondentes ás falas de Ourense, aproxímano á produción narrativa de Bieito Iglesias. 
En 2006 gañou o Premio Xerais de Novela con Tres segundos de memoria, obra catalogada como "xeracional" pola crítica e cuxo argumento narra o día a día dun personaxe anónimo atrapado na precariedade económica e sentimental. Escrita con humor, a novela  está chea de referencias literarias e musicais. En 2009 publicou a súa cuarta novela, Dime algo sucio, que foi, xunto con Sete palabras de Suso de Toro, o primeiro libro electrónico publicado pola editorial Xerais. Traducida ao castelán por Pulp Books, esta novela significou un cambio de rumbo na traxectoria do autor, centrado agora en problemas espiñentos como a pederastia. Dime algo sucio recibiu o Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón na súa edición de 2011, ex aequo con Las niñas perdidas, de Cristina Fallarás. 
En setembro de 2010 editouse a novela Asasinato no Consello Nacional, que se converteu nun éxito. No ano 2018 publicou A crueldade de abril (Xerais) e en 2021 O cervo e a sombra (Xerais) polo que recibiu o Premio da Crítica de narrativa galega do ano 2022.
No ano 2023 publicou a novela gráfica Os suicidantes (Xerais) con ilustracións do debuxante Tomás Guerrero.