O período de inscrición abrirase o 5 de outubro ás 8:30 horas
29/09/2022
Aula de maiores na Biblioteca Pública Ánxel Casal

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal reanuda “Aula de maiores”, actividade dirixida ás persoas maiores de 55 anos que queren lembrar o que aprenderon hai tempo. Facer operacións matemáticas sinxelas, practicar a lectura e a escritura ou facer xogos didácticos de xeografía son algúns dos conceptos básicos que se ensinan nesta aula. A actividade estará a cargo de Margarita Castro Rey e Amador Seoane Pardo, voluntarios do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia.

"Aula de maiores" comenzará a súa andaina o 18 e o 19 de outubro e seguirá o calendario escolar ata finalizar o próximo mes de xuño. A actividade desenvolverase os martes de 10.00 a 12.00h e os mércores de 10.30 a 12.00 h. As sesións terán lugar nas salas de traballo en grupo do 3º andar. O número máximo de participantes é de dez en cada Aula e precísase ter o carné de biblioteca no momento de inicio da actividade.

Para o desenvolvemento desta actividade a Biblioteca contará coas mesmas persoas que integraban os grupos da edición anterior. A Aula de maiores dos mércores está completa e hai dúas vacantes na Aula dos martes. Recomendamos aos usuarios e usuarias interesadas que se anoten xa que se poden producir baixas entre os integrantes actuais, como así sucedeu en anos anteriores.

O período de inscrición abrirase o 5 de outubro ás 8:30 horas e prolongarase ata o remate da actividade. As persoas interesadas poderán obter máis información e anotarse chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador da planta baixa. Así mesmo, poden consultar a páxina web da Biblioteca e as redes sociais.

A biblioteca porá a disposición das persoas integrantes da actividade materiais acordes co programa que se vai impartir: libros, ordenadores portátiles.