O período de inscrición nas listas de agarda abrirase o 5 de outubro ás 8:30 horas
28/09/2022
Aula tecnolóxic@ de maiores na Biblioteca Pública Ánxel Casal

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal reanuda a “Aul@ tecnolóxica de maiores”, un obradoiro de introdución ás novas tecnoloxías que está dirixido ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de integralas na sociedade facéndoas partícipes dela a través da formación en novas tecnoloxías, especialmente no uso de teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores portátiles, cun carácter eminentemente práctico de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá. A actividade estará a cargo de Mar Torres Vilariño e Isabel Otero, voluntarias do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Para o desenvolvemento desta actividade a Biblioteca contará coas mesmas persoas que integraban os grupos da edición anterior. Recomendamos aos usuarios e usuarias interesadas na Aula tecnolóxica de maiores que se anoten nas listaxes de agarda xa que se poden producir baixas entre os integrantes actuais, como así sucedeu en anos anteriores.

"Aul@ tecnolóxica de maiores" comenzará a súa andaina o 18 e o 20 de outubro e seguirá o calendario escolar ata finalizar o próximo mes de xuño. O número máximo de participantes é de sete en cada grupo e precísase ter o carné de biblioteca. A actividade desenvolverase os martes de 17.00 a 18.30h e os xoves de 16.30 a 17.30h. As sesións terán lugar nas salas de traballo en grupo do 3º andar.

O período de inscrición abrirase o 5 de outubro ás 8:30 horas e prolongarase ata o remate da actividade. As persoas interesadas poderán obter máis información e anotarse chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador da planta baixa. Así mesmo, poden consultar a páxina web da Biblioteca e o Facebook.

A biblioteca porá a disposición dos integrantes da actividade os dispositivos necesarios para desenvolver o programa que se vai impartir: tabletas e ordenadores portátiles.