27/09/2019
Bibliomercado. A Biblioteca ao teu servizo

Durante o mes de outubro, a biblioteca ten un posto no Mercado de Abastos de Santiago, aberto os sábados das 08:30 ás 13:45 h. 

As persoas que se acheguen para facer as súas compras nesta emblemática Praza de Abastos poderán coñecer a colección da Biblioteca a través dunha pequena representación dos seus fondos, constituída por libros, revistas e audiovisuais. Os asistentes terán a oportunidade de consultar estes materiais e obter información sobre os seus servizos: actividades culturais (contacontos, monicreques, concertos...), clubs de lectura, "biblioteca accesible", consulta de Internet, préstamo de portátiles, de e-readers, de tabletas, etc.
No propio posto se facilitarán os trámites para facerse socio ou socia (impresos, realización de fotografías tamaño carné no acto...) e os novos lectores deberán achegarse á nosa biblioteca para recoller a súa tarxeta.
A guía editada con motivo desta actividade ofrece, ademais, unhas suxestións para a "lista da compra" na próxima visita que faga o lector á biblioteca e un cadro cos servizos comúns que ofrecen o mercado e a biblioteca.

Agradecemos á Xerencia do Mercado de Abastos a súa colaboración coa Biblioteca na difusión dos seus servizos entre os cidadáns de Santiago de Compostela.