Todos os sábados do mes de outubro en horario de 8.30 a 13.45 h.
27/09/2022
"Bibliomercado: a Biblioteca ao teu servizo"

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal estará presente un ano máis no Mercado de Abastos de Santiago. Nesta ocasión, o posto de atención ao público permanecerá aberto todos os sábados do mes de outubro en horario de 8.30 a 13.45 h.

As persoas que se acheguen para facer as súas compras nesta emblemática Praza de Abastos poderán coñecer a colección da Biblioteca a través dunha pequena representación dos seus fondos, constituída por libros, revistas e audiovisuais. Os asistentes terán a oportunidade de consultar estes materiais e obter información sobre os seus servizos: actividades culturais (contacontos, monicreques, concertos...), clubs de lectura, "biblioteca accesible", consulta de Internet, préstamo de portátiles, de e-readers, de tabletas, etc. No propio posto se facilitarán os trámites para facerse socio ou socia (impresos, realización de fotografías tamaño carné no acto...) e as novas lectoras e lectores deberán achegarse á nosa biblioteca para recoller a súa tarxeta.

A guía editada con motivo desta actividade ofrece, ademais, unhas suxestións para a "lista da compra" na próxima visita que faga o lector ou a lectora á biblioteca e un cadro cos servizos comúns que ofrecen o mercado e a biblioteca.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS