24/03/2020
O catálogo de GaliciaLe en acceso libre

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, como medida excepcional polo estado de alarma e para facilitar a toda a poboación o acceso a contidos culturais e de lecer abre a plataforma GaliciaLe a todos os cidadáns.

Para acceder só é necesario rexistrarse. Non é preciso ter o carné de lector dunha biblioteca pública galega.

As bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continúa a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico da bibliotecas públicas galegas. A través desta pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.

En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais.

 

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS