O período de inscrición abrirase o 5 de outubro ás 8:30 horas
29/09/2022
Obradoiro de iniciación á historia da Filosofía (II parte) na Biblioteca Pública Ánxel Casal

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal retoma o Obradoiro de iniciación á historia da Filosofía que estará coordinado por Rafael Varela Nogueiras, voluntario do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Esta actividade ten como obxectivo achegar a Filosofía ás persoas interesadas e fomentar e apoiar a difusión do pensamento filosófico. Está dirixido a persoas maiores de 18 anos que non teñan necesariamente coñecementos previos pero que sintan curiosidade cara ás ideas dos filósofos que se foron construíndo desde circunstancias históricas e biográficas concretas, atendendo a problemas profundamente arraigados na condición humana.

A actividade está formada por dous grupos independentes de 8 participantes cada un que realizarán as súas sesións os mércores e xoves de 18.00 a 19.00h nas salas de traballo en grupo do terceiro andar. As sesións iniciaranse o 19 e 20 de outubro e rematarán no mes de xuño. Todas as persoas participantes deberán ter o carné de biblioteca no momento do inicio da actividade.

Para o desenvolvemento desta actividade a Biblioteca contará coas mesmas persoas que integraban os grupos da edición anterior. Recomendamos aos usuarios e usuarias interesadas que se anoten xa que se poden producir baixas entre os integrantes actuais, como así sucedeu en anos anteriores.

O período de inscrición abrirase o 5 de outubro ás 8:30 horas e prolongarase ata o remate da actividade. As persoas interesadas poderán obter máis información e anotarse chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador da planta baixa. Ademais, poden consultar a páxina web da Biblioteca e as redes sociais.