01/08/2022
Tardes na biblioteca

Co fin de facilitar a conciliación das familias compostelás, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle “Tardes na biblioteca”, programa de actividades nas que as pequenas e pequenos participantes explorarán as potencialidades das artes a través de actividades lúdicas e creativas arredor do libro, da lectura e da literatura. Están dirixidas a nenas e nenos de 5 a 9 anos e desenvolveranse na sala infantil da man de Xandobela de luns a venres non festivos dos meses de setembro, outubro e novembro en horario de 17.30 a 19.30h.

Para participar é necesario inscribirse presencialmente no mostrador de Información da biblioteca ou chamando ao teléfono 881 999 401. As persoas interesadas poden inscribirse unicamente na semana en curso. A inscrición abrirase cada luns a partir das 8.30h. O número de nenas e nenos que poden participar cada día é de 10 e as prazas dispoñibles serán outorgadas por estrita orde de chegada.

Este é o calendario das actividades que se desenvolverán ao longo de “Tardes na biblioteca”:

  • LUNS: Facemos o xornal da biblioteca. Nas tardes dos luns converterémonos en xornalistas e faremos o xornal da biblioteca: entrevistas, recomendacións dos nosos libros favoritos, novas, pasatempos...
  • MARTES: Historias pintadas e contadas. Nas tardes dos martes achegarémonos a distintos xeitos de contar historias e construiremos os nosos obxectos e materiais para narrar os nosos contos favoritos. Cada mes, unha técnica distinta:
    1. “Cantastorie”: setembro.
    2. “Kamishibai”: outubro.
    3. Teatriños de cartón: novembro.
  • MÉRCORES: Artes miúdas. Os mércores será tempo das artes e da creatividade. Experimentaremos con numerosas técnicas e recrearemos o universo da literatura traballando coas nosas mans e imaxinación.
  • XOVES: A rebotica dos contos.Contos e obradoiros para coñecer historias arredor dun tema: o medo, os animais, o amor, a natureza...
  • VENRES: Xogamos? As tardes dos venres son tempo para xogar! Xogos lingüísticos, xogos sobre libros, xincanas literarias, construción dos nosos propios xogos... Quen di que coas palabras non se pode xogar?

"Tardes na biblioteca" forma parte do Plan Corresponsables, financiado polo Ministerio de Igualdad (Gobierno de España) e está dirixida a familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero ou outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou calquera outra unidade familiar con necesidades en materia de coidados de nenas e nenos.