A biblioteca cede o espazo para realizar a exposición de acuarelas “Avis avicellus” de Carmen Torres-Maroño.
Os paxaros son seres fascinantes. Como motivo pictórico son un desafío para o debuxo e para o tratamento da cor pola incrible variedade de formas e cores que adoptan. Xa se trate dun pequeno xílgaro, un albatros, unha ave do paraíso, un flamenco ou un pavo real, todos eles responden a un mesmo deseño que, con todo, creou un marabilloso abanico de posibilidades cheo de misterio, beleza, graza e elegancia.
Esta exposición mostra unha mirada curiosa e apaixonada sobre estes fabulosos animais que viven ao noso arredor sen que a miúdo reparemos neles, como moitas das marabillas que nos rodean e ás que nos afixemos porque xa forman parte do cotián. A intención é espertar unha mirada nova e diferente sobre os últimos dinosaurios vivos, a súa particular anatomía, os seus rápidos movementos, o seu canto, a súa exquisita plumaxe ou esa mirada enigmática que nos observa desde o alto como un ser antigo estuda a outro que chegou hai pouco ao teatro da vida.
No vestíbulo. Pode visitarse no horario da biblioteca.