Laboratorio de Arte Urbana
04/11 - 30/11
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Exposición dos traballos

O Laboratorio de Arte Urbana, impartido por 7H Cooperativa Cultural, é un obradoiro de iniciación e aprendizaxe colectiva baseado na descuberta creativa dun medio de expresión artística definido pola liberdade e baseado na intervención no espazo público.

Ao longo de dous meses, as participantes no curso apropiáronse das diversas técnicas e ferramentas da disciplina mediante creación dos seus propios tags e adhesivos; a aplicación subversiva e suxestiva dos principios da contrapublicidade; o manexo do spray no uso dos carteis e os estarcidos como ferramenta de comunicación ou o deseño e elaboración artesanal dos nosos propios Art Toys. Como síntese das aprendizaxes adquiridas e das inquedanzas traballadas no curso, realizaron  colaborativamente o bosquexo e materialización dun mural feminista no salón de actos da biblioteca.

Esta pequena mostra recolle algúns dos traballos e pezas resultantes do obradoiro, froito da enerxía e o entusiasmo de moitas mentes e moitas mans!

Esta actividade realizouse ao amparo do Acordo de colaboración entre a Vicepresidencia, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

No salón de actos, pode visitarse durante o horario de apertura da biblioteca.