Juan Compañel, editor do rexurdimento

 

JUAN COMPAÑEL, EDITOR DO REXURDIMENTO

Xurxo Martínez González

Universidade de Vigo

 

Na primavera de 1863 publicouse Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Imprimiuse no obradoiro de Juan Compañel, situado na rúa Real de Vigo.

Por regra xeral pénsase que o Rexurdimento tivo só un cultivo literario mais, en realidade, estamos ante un movemento cívico-político que se propuxo restituí-la memoria silenciada do pobo galego, fomenta-lo progreso material, alimenta-la produción intelectual en clave de país e defende-la dignidade de Galiza.

A partir deste concepto temos que pensa-lo Rexurdimento como un espazo en que participan diferentes axentes ademais dos escritores: científicos, economistas, historiadores, xeógrafos, xornalistas... e impresores. Entre estes últimos destaca Juan Compañel.

A relación de Vigo co Rexurdimento é unha historia tan pouco coñecida como pouco coñecido é Juan Compañel Rivas, nome que leva a Biblioteca Pública de Vigo. Neste traballo propómonos falar da súa actividade rexurdimentista feita dende o corazón do Casco Vello.

 

1. A orixe familiar e anos de formación

O berce do noso protagonista está na rúa da Azabachería (Compostela). Francisco Luís Compañel e Jacoba Rivas abriran alí unha libraría contra 1820 e dez anos despois incorporarían unha imprenta. Dela Manuel Murguía dixo que era "el mejor establecimiento tipográfico que conoció Santiago en el presente siglo" (1862: 26).

Xusto un ano antes, o 15 de xaneiro de 1829, nacía Juan María de Jesús Compañel Rivas, o cuarto fillo do matrimonio. Pouco despois, Jacoba Rivas agardaba a súa quinta filla pero a desgraza abateu a familia: o pai falecía en 1832. Deste obradoiro sairía Descripción topográfico-histórica de la Ciudad de Vigo, su ría y alrededores (1840), de Nicolas Taboada Leal.

Juan Compañel estudou no seminario, na universidade e na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. A nivel laboral formouse na imprenta familiar, onde se imprimían xornais como El Idólatra de Galicia, El Porvenir ou La Revolución (voceiro da xunta que gobernou Galiza durante a revolta de 1846 e que rematou cos fusilamentos de Carral).

Este traballo deulle a oportunidade de coñecer líderes políticos e intelectuais progresistas que militaban no provincialismo. Leu os seus textos. Coincidiu con eles na Academia Literaria. Así fraguouse o seu pensamento neses parámetros.

Logo de 1846 moitos intelectuais se exiliaron. O provincialismo tivo que recompoñerse. Un primeiro paso foi a constitución d´El Liceo de la Juventud, onde Compañel coincidirá con Murguía, Pondal, Aurelio Aguirre ou Rosalía de Castro. Esta última compartía paseos coa súa irmá, Peregrina Compañel.

Jacoba Rivas, por motivos económicos, venderá en 1851 a imprenta e quedará só a cargo da libraría. Un ano antes o seu fillo Juan marchara a Madrid.

 

2. A primeira imprenta propia: Madrid

Na capital Compañel proseguiu a súa formación académica (Museo Popular, Ateneo, bibliotecas) e profesional (casa editorial Gaspar y Roig). Con esta editorial, de potente prestixio, colaboraba de xeito activo Eduardo Chao (líder do Partido Demócrata e escritor de vasto saber). Foi el, con toda probabilidade, un iniciador de Compañel nos círculos sociopolíticos madrileños como o foi de Rosalía de Castro, a quen animou a publica-lo seu primeiro poemario.

En 1855 Juan Compañel ponse ó cargo dunha imprenta propia. Imprimiu varios discursos de docentes galegos na universidade central. Ademais tamén se encargou da impresión de dúas publicacións de significativo contido político: La Razón, promovida por Pi i Margall (futuro presidente da Primeira República e teórico do federalismo), e El Eco de la Clase Obrera, dirixida por Ramón Simó y Badía, título pioneiro na prensa marxista española. Ademais, Compañel tamén editou e imprimiu a petición que os teceláns Molar e Alsina fixeron ante as Cortes para solicitar (por primeira vez) o dereito a asociación obreira.

O noso protagonista comparte parladoiro con outros galegos como Alejandro Chao, Manuel Murguía, Serafín e Teodomiro Avendaño no café El Levante. Todos eles manterán unha forte amizade ó longo dos anos.

 

3. A actividade editorial en Vigo

No nadal de 1855 Compañel chega a Vigo da man de Alejandro Chao e José Ramón Fernández. Este segundo, líder do Partido Progresista na cidade, merca unha imprenta que pon a cargo de Juan Compañel para que imprima La Oliva (1ª etapa, 1856-57 / 2ª etapa, 1868-1873), o xornal que rivalizará na esfera pública con Faro de Vigo, impulsado polo Partido Moderado.

De inmediato mergúllase na vida sociocultural e política viguesa. Forma parte do Recreo Artístico e Industrial de la Ciudad de Vigo, participa das loitas no bando dos republicanos, alístase na Milicia Nacional para defende-la Revolución de 1854, cofunda o Banco de Vigo e a papeleira La Cristina.

En 1856 Compañel faise coa propiedade da imprenta e ascende a director de La Oliva, sendo Murguía o seu director literario dende o inicio. Pouco despois o xornal vigués pasa a subtitularse "Periódico de Galicia" e procura se-la voz do Rexurdimento. Cando o periódico peche por orde gobernativa (vítima da censura), Compañel fundará cos seus compañeiros El Miño, do cal será director, editor e impresor.

Participa en 1861 nos Xogos Florais de Pontevedra, publica El Álbum de El Miño (antoloxía da literatura galega do XIX) e publica obras de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Incluso prepara un poemario de Eduardo Pondal. Pero as multas, censura e incluso a prisión minguaron a nivel económico a imprenta.

Xa dixemos que en 1863 edita e imprime Cantares gallegos. Nese mesmo ano casa con Emilia Chao, irmá de Alejandro e Eduardo Chao. Terían catro fillos: María, Francisco, Juan e Emilia Compañel Chao. Tamén, nese mesmo ano, Compañel decidía subtitular El Miño co lema "Todo por Galicia. Todo para Galicia", evidencia do seu provincialismo.

Coa República (1873), Juan Compañel abandona Vigo para asumi-lo cargo de delegado do Ministerio de Fomento en Ourense. A imprenta mercouna Miguel Fernández Dios que, tras pechar La Oliva, fundaría La Concordia.

 

4. Os últimos anos: Cuba

A caída da República provocou a súa marcha a Cuba. Aquí comparte negocio co seu cuñado Alejandro Chao (quen marchara xa en 1859). Este fundara a editorial La Propaganda Literaria, que publicaría en 1880 Follas novas de Rosalía. Tamén traballou na Administración de Correos en Cienfuegos e, nos derradeiros días, como secretario do alcalde de La Catalina. Presidiu a Sociedad de Beneficiencia de Naturales de Galicia en Cárdenas.

Na illa participa en prensa galega (La Ilustración de Galicia y Asturias e La Ilustración Gallega y Asturiana) e funda xornais propios (Diario de Cárdenas, La Lealtad e La Unión), que saen da imprenta da súa propiedade.

Juan Compañel visitará en varias ocasións a terra galega e Vigo. En todo caso, no inicio do mes de Santos de 1897 falecía en La Catalina, preto de Jagüey, Cuba.

 

5. Bibliografía

Martínez González, Xurxo (2012): "Juan Compañel Rivas (1829-1897). Alén do editor do Rexurdimento", Grial, núm. 195, pp. 106-117.

Martínez González, Xurxo (2014): "Juan Compañel Rivas. Un editor con conciencia de Galiza", en Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada. Consello da Cultura Galega: Compostela.

Murguía, Manuel (1862): Diccionario de escritores gallegos. Imprenta de J. Compañel: Vigo.

Soto Freire, Manuel (1998): La imprenta en Galicia. Xunta de Galicia. Compostela.

DOCUMENTOS E LIGAZÓNS