Servizo de préstamo

O servizo de préstamo ofrece ao público, de forma gratuíta, a posibilidade de ler ou consultar, durante un tempo determinado e baixo unhas condicións específicas para cada tipo de material, os documentos “prestables” da Biblioteca.

 

Mediante o servizo de préstamo o lector pode gozar da colección fóra das instalacións da propia Biblioteca.

Se o material solicitado non se atopa nin na biblioteca nin no resto de bibliotecas da Rede, o usuario pode facer unha suxestión de compra que será valorada polo centro e se é aceptada serás o primeiro en consultar este documento.  Cada usuario poderá facer unha suxestión ao trimestre. (Véxase o Tríptico do servizo de préstamo).

 

 

 

 

REQUISITOS

Para poder facer uso deste servizo é necesario ter o carné de lector/a, válido para todas as bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia:

Ademáis do préstamo, a posesión do carné da biblioteca dá acceso:

  • Á plataforma de libro electrónico GaliciaLe
  • Á Biblioteca Dixital da Rede.
  • Á páxina personalizada do catálogo onde o usuario/a pode renovar os seus préstamos, suxerir compras, facer comentarios, etc.

Para obter o carné, tan só é preciso:

  • Cumprimentar o formulario de solicitude dispoñible nas páxinas web das bibliotecas da rede (Solicitude do carné de usuario) ou de forma presencial en calquera destes centros. Ver: Como me fago socio/a?
  • Mostrar o DNI ou o pasaporte para recoller o carné.
  • No caso de menores de 14 anos é necesario aportar o nome e DNI (ou pasaporte) dunha persoa adulta (pais, titores) responsable do menor.
  • Se a peticionaria é unha entidade, a Directora da institución solicitará a alta da entidade como usuaria e nomeará a unha persoa responsable.

O carné de biblioteca é gratuíto, persoal e intransferible. Unicamente poderá cederse a outra persoa no caso de que o interesado ou a interesada non poida acudir á Biblioteca. Previamente deberá cumprimentar unha Autorización de uso do carné por outra persoa (accesible tamén na propia biblioteca) para que outra persoa poida empregar no seu nome o seu carné e levar materiais en préstamo con el. Esta autorización terá unha validez dun ano.

Calquera cambio nos datos persoais (traslado de domicilio, información de contacto, etc.) deberá comunicarse á biblioteca para que esta poida proceder á súa modificación a efectos de comunicacións.

A tarxeta só se cambiará en caso de deterioro ou perda. Neste último caso é preciso cumprimentar unha nova solicitude.

 

MODALIDADES DE PRÉSTAMO

A Biblioteca ofrece o servizo de préstamo baixo as seguintes modalidades:

PRÉSTAMO PERSOAL A DOMICILIO

Realízase directa e individualmente a cada usuario da biblioteca no mostrador de préstamo na planta baixa.

O máximo de préstamos co carné de adulto son 20 por persoa e co infantil 17.

A biblioteca proporciona, ademáis, a posibilidade de levar en préstamo aqueles documentos que non se atopen entre os fondos do centro pero si nalgunha das restantes bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia:

O lector/a pode localizar o título do seu interese no catálogo colectivo destas bibliotecas e solicitalo por calquera das seguintes vías:

O número máximo de documentos que se poden solicitar nunha petición é de 1. No caso de que a obra estea constituída por varias partes (volumes dun libro, capítulos dunha serie etc.), poderán solicitarse ata un máximo de tres documentos.

O prazo de recepción do material solicitado soe ser de 2 ou 3 días. Unha vez recibido, a biblioteca porase en contacto co lector para comunicarlle a chegada do documento. A partir dese momento o lector disporá de 7 días para facer a recollida. No caso de que non retire o material solicitado nese prazo, a sanción será de 10 días sen préstamo.

Os prazos de devolución, as renovacións etc. son comúns para toda a rede de bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia na que se inclúe a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel.

 

PRÉSTAMO INTERBIBLIOTECARIO

O préstamo interbibliotecario é un servizo que facilita ao lector/a o acceso a aquelas publicacións que precise para fins de investigación ou estudo pero que non se atopen entre os fondos da Biblioteca nin das restantes bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel encargarase de localizar a obra e de solicitala á entidade correspondente polo método máis urxente, xa sexa o orixinal ou unha reprodución do mesmo (fotocopia, copia escaneada, etc.). A consulta dos orixinais solicitados farase nunha sala da Biblioteca a non ser que a Biblioteca prestataria permita o préstamo a domicilio.

O lector/a poderá solicitar unha obra en préstamo interbibliotecario por calquera das seguintes vías:

Os gastos deste servizo, se os hai, son pola conta do usuario/a.

O número máximo de documentos que se poden solicitar nunha petición é de 1.

O prazo de recepción do material solicitado dependerá da biblioteca prestataria (distancia, método de envío, etc.). Unha vez recibido, a Biblioteca porase en contacto co lector/a para comunicarlle a chegada do documento. A partir dese momento o lector disporá de 7 días para facer a recollida. No caso de que non retire o material solicitado nese prazo, a sanción será de 10 días sen préstamo por cada exemplar.

 

PRÉSTAMO COLECTIVO A ENTIDADES

Este é un servizo que ofrece a biblioteca a asociacións, institucións, colexios e institutos, centros ocupacionais, agrupacións culturais, centros de recursos, grupos de teatro e outros colectivos.

O director/a ou persoa encargada da institución solicitará a alta da entidade cubrindo a Solicitude do carné de entidade e nomeando a unha persoa responsable.

O número máximo de documentos que se poden retirar por carné é de 60 por biblioteca, 120 en toda a rede de  bibliotecas.

RENOVACIÓNS

Podes renovar o préstamo transcorridos 5 días desde a realización do préstamo, ata o día da súa caducidade, tanto por teléfono (886 120 440) coma na propia Biblioteca, ou por Internet desde o catálogo (previa identificación co número de carné e un contrasinal), non se permitirá a renovación de documentos reservados.

Para renovar por internet tés que entrar no catálogo da Biblioteca, desde a páxina web, nos recadros da dereita metes o teu nº de lector e o teu contrasinal, se non o recibiches por correo, pregunta na Biblioteca. Logo entra na túa conta, marca os préstamos que queres renovar e dálle ao botón de Renovar.
 

RESERVAS

Se o que queres está prestado podes facer unha reserva desde o OPAC, na propia biblioteca ou por teléfono. Só se reservan exemplares prestados da túa biblioteca. O máximo de reservas por lector/a é de 6 (3 para libros e revistas, 2 para outros materiais e 1 para libros electrónicos)

O prazo para recoller as reservas é de 3 días dende que é avisado o usuario/a. De non recoller as reservas, quedan anuladas.

Os documentos reservados non se poden renovar.

 

DEVOLUCIÓNS

Todas as devolucións efectuaranse no centro onde se levou a cabo o préstamo, independentemente do tipo de préstamo.

O material prestado poderá devolverse:

  • No mostrador de devolución na sala de préstamo da planta baixa.
  • Na caixa de correo situada no exterior das instalacións da biblioteca. Esta opción permite facer a devolución fóra do horario de apertura da Biblioteca.

 

SANCIÓNS

O incumprimento dos prazos de préstamo dará lugar a unha sanción de 1 día sen poder levar ningún material en préstamo por cada día e documento adiado. Se o documento non se devolve á Biblioteca, o carné de lector/a quedará bloqueado permanentemente e non poderá levar ningún material en préstamo en ningunha das bibliotecas da rede.

En caso de deterioro dun documento por parte dunha persoa usuaria, o persoal da Biblioteca valorará se é posible a súa reparación cos medios de que dispón. Se non, deberá repoñelo o propio usuario ou usuaria.

En caso de perda dun documento por parte dunha persoa usuaria, esta deberá repoñelo.

Se o exemplar xa non está dispoñible no mercado, o persoal da Biblioteca proporá un título alternativo. Mentres, o lector ou lectora non poderá levar ningún material en préstamo.