As nosas coleccións

A colección da biblioteca ofrece recursos para a formación, a información e o ocio de todo o público. Fórmase de todo tipo de materiais: libros, publicacións periódicas, CD, DVD, BR, recursos electrónicos, libros electrónicos, música impresa, postais, carteis ... procedentes de compras e doazóns, tanto de institucións como particulares.

A maioría dos exemplares están en acceso libre, organizados por seccións, pero se precisas algo que está no depósito, solicítao nun mostrador.

A través do servizo de préstamo tamén están dispoñibles as coleccións das bibliotecas da rede.

A nosa colección está en constante crecemento e mellora. Se botas en falta algo que pensas deberiamos ter, fáinolo saber a través dunha suxestión de compra.

As principais seccións nas que se organiza a colección son:

Fondo Local

A sección Fondo local reúne toda a información relativa a Santiago de Compostela e ao Camiño de Santiago.

Está formada por libros, revistas, audiovisuais, mapas, libros en braille..., tanto para o público adulto como para o infantil.
Todos os documentos levan unha signatura que comeza por FL (Fondo Local) e un rótulo temático. Algúns son prestables a domicilio e outros non. Os de consulta en sala (non prestables) están marcados cun punto vermello.

Hemeroteca

Sección de prensa e publicacións periódicas formada por:

  • Prensa local e rexional
  • Periódicos de distribución nacional
  • Algúns títulos de diarios económicos
  • Algúns títulos representativos da prensa estranxeira
  • Semanarios de información xeral, suplementos semanais, etc.
  • Revistas especializadas de todas as materias: literatura, arte, arquitectura, informática, deportes, cultura, natureza, ciencia, etc.
  • Revistas de temas locais e rexionais

As revistas que poden levarse en préstamo a domicilio están indicadas como prestables.

Na Hemeroteca hai un ordenador para a consulta de diarios electrónicos e da Hemeroteca Dixital Iconoce, á que podes acceder a través da Biblioteca Dixital da Rede.

Bedeteca

A Bedeteca, é a sección da Banda Deseñada. Reúne cómics de todos os xéneros (aventuras, novela gráfica, humor, fantasía, súper heroes, ciencia ficción ...). Ten unha presenza especial o cómic galego, aínda que tamén temos cómics americanos, españois, europeos, hispanoamericanos e manga.

Hai obras para todos os públicos e outras só para adultos, debidamente sinalizadas. Tamén temos un apartado de banda deseñada en inglés.

Os cómics están clasificados segundo a súa procedencia (BDA - Banda deseñada americana, BDE - Banda deseñada española, europea e hispanoamericana, BDM- Banda deseñada manga, BDG - Banda deseñada galega) e diferenciados das publicacións que tratan sobre banda deseñada (BDP). Todos teñen ademais unha icona temática que indica o xénero da obra.

 

Sección Infantil e Xuvenil

Sección destinada exclusivamente aos nenos, nenas e aos seus/súas acompañantes. Os/as menores de 7 anos deben vir sempre acompañados/as, hai que coidalos moito e aprenderlles a comportarse.

Na organización da colección diferenciamos 2 zonas principais: a dos/as máis pequeniños/as (de 0 a 8 anos) e a dos/as máis maiores (de 9 a 14 anos). Dentro da primeira temos un recunchiño especial para os/as prelectores (de 0 a 3 aniños) con contos especiais para o seu tempo.

Tamén contamos cun Recuncho de nais e pais con libros e revistas sobre educación infantil e outros temas relacionados (I-RP)

A colección infantil clasifícase por idades, identificadas con cores. O rótulo do libro leva a cor da idade para a que nos parecen máis axeitados, pero ti es quen decide.

  • Azul: para nenos e nenas de 0 a 5 anos. Agrúpanse ademais en centros temáticos para axudarvos a escoller.
  • Vermello: para rapaces e rapazas de 6 a 8 anos.
  • Verde: para rapaces e rapazas de 9 a 11 anos.
  • Amarelo: para rapaces e rapazas de 12 a 14 anos.

Os libros informativos van clasificados con números que se corresponden coas diferentes materias, seguindo a C.D.U. (Clasificación Decimal Universal).

Os libros de ficción (novelas, contos, poesías, cancións...) identifícanse con letras:

  • N: narrativa
  • P: poesía
  • T: teatro

A narrativa (N) ademais sepárase por xéneros: humor, terror, fantasía, aventuras, animais..., sinalados con iconas.

Os documentos sonoros clasifícanse en:

  • Audiotextos
  • Bandas sonoras e outras músicas funcionais
  • Música clásica
  • Música para nenos/as
  • Jazz e Blues
  • Músicas do mundo
  • Música pop e rock

Na sección de audiovisuais tamén atoparás:

  • Películas
  • Series
  • Audiovisuais informativos (documentais sobre natureza, saúde ...)

Os recursos electrónicos : programas, xogos, etc. van coas signaturas I-RE e I-XOGO.

A colección Biblioteca Accesible infantil está dirixida a colectivos que precisan unha atención diferenciada, levan signaturas que comezan por CA.

 

Literatura

Colección de obras literarias (novelas, poesía, teatro...) destinadas a adultos, e crítica literaria. Clasifícase en:

  • Narrativa (N)
    • Subdivídese en 6 xéneros identificables:
    • Ciencia Ficción (NC)
    • Terror (NT)
    • Intriga e misterio (NI)
    • Histórica (NH)
    • Romántica (NR)
    • Fantástica (NF)

Aparte están todas as demais obras narrativas que non se distinguen por un xénero claro (N), ordenadas alfabeticamente por autor e título.

  • Poesía (P)
  • Teatro (T)
  • Biografías (B, BC as colectivas)
  • Outros Xéneros (X): ensaio, cartas, refráns, citas...
  • Mozos e Mozas (M): obras literarias cunha temática axeitada para os adultos e adultas máis novos (de 15 a 18 anos)

 

Colección Accesible

Esta pequena colección de libros, audiovisuais e documentos electrónicos está dirixida a colectivos que precisan unha atención diferenciada. Forman parte dela:

  • Libros de lectura fácil. Libros elaborados con especial coidado para poder ser lidos e comprendidos por persoas que teñen dificultades lectoras e/ou de comprensión. O público ao que se dirixe é: persoas xordas de nacemento ou con xordeira precoz, con algunha discapacidade psíquica e a persoas con outras doenzas como dislexia, autismo, afasia...Tamén están indicados para inmigrantes recentes.
  • Libros en Letra Grande. Presentan unha letra máis grande do habitual e diríxense a persoas maiores e persoas con dificultade de visión.
  • Lectura para Invidentes. Inclúense tanto os que están escritos en Braille como os que se editan en formato Daisy (Digital Accessible Information System), para a conversión de texto a voz e a visualización de iconas e textos nun tamaño moito maior. Estes materiais diríxense a persoas invidentes ou con dificultades graves de visión.
  • Libros temáticos sobre discapacidade.
  • Libros informativos relativos a lexislación sobre discapacidade, formación laboral, inserción, organizacións, dicionarios en linguaxe de signos, etc. Diríxense a persoas discapacitadas, ás súas familias e a persoas que desenvolven a súa actividade laboral con eles.
  • Audiolibros
  • Libros en formato CD ou DVD. Diríxense a un público amplo: persoas con dificultades de visión, persoas maiores, inmigrantes, persoas sen hábito de lectura, etc. DVD e vídeos. Principalmente en Lingua de Signos.
  • Recursos electrónicos. CD-ROM multimedia con xogos para persoas con algunha discapacidade cognitiva. Diríxense a persoas con algunha discapacidade psíquica ou con outras doenzas como autismo, afasia, Asperger ...

A signatura de todos os materiais pertencentes á Colección Accesible comezan por CA e levan un rótulo temático.

 

Linguas

O centro de interese de Linguas inclúe todo o relativo ás diferentes linguas: gramáticas, dicionarios, métodos de aprendizaxe de idiomas e obras literarias en linguas non oficiais en Galicia.

As obras sobre Lingüística e linguas en xeral levan unha signatura que comeza por 80 ou 81.

As obras de aprendizaxe de idiomas están clasificadas por idiomas, igual que as obras literarias noutras linguas. Por ex. unha obra de aprendizaxe de lingua inglesa levaría unha signatura comezada por INA (aprendizaxe de inglés), e unha novela en inglés levaría unha signatura comezada por INN (narrativa en inglés)

Todos os documentos desta sección levan unha icona temática.

 

Música e Cine

O centro de interese de Música recolle todos os documentos relativos á música, os diferentes estilos, a historia, as biografías de músicos, a técnica musical, instrumentos...

Esta sección divídese en grupos:

  • Música rock e pop (inclúe biografías e historia)
  • Música jazz e blues (inclúe biografías e historia)
  • Músicas do mundo (inclúe biografías e historia)
  • Música clásica (inclúe biografías e historia)
  • Música Instrumentos
  • Música Teoría
  • Música impresa (partituras)

O centro de interese de Cine recolle todos os documentos relativos ao cine: a historia, os estilos, os autores, as técnicas...

Esta sección divídese en grupos:

  • Cine xéneros
  • Cine historia
  • Cine biografías (inclúe actores, directores, guionistas, etc.)
  • Cine técnica (para teoría e técnica cinematográficas)

 

Viaxes

Este centro de interese reúne os documentos relativos a viaxes: as descricións de viaxes, as guías turísticas, as rutas, os mapas e planos.

Tanto as guías coma os mapas levan un identificador do lugar ao que fan referencia. Os referentes a Galicia levan un G (G-908 as guías e MP-G os mapas), os materiais sobre España levarían o 908(460) ou o MP(460), e os documentos relativos a outros países, o identificador numérico do continente ao que pertencen:

(5) Asia
(6) África
(7) América do Norte e Central
(8) América do Sur
(9) Pacífico do Sur e Australia

Audiovisuais

A Sección de Audiovisuais conta cunha colección de vídeos, DVD, CD e CD-ROM e casetes que poden consultarse na propia Biblioteca ou levarse en préstamo a domicilio.

Os documentos sonoros clasifícanse en:

  • Audiotextos
  • Bandas sonoras e outras músicas funcionais
  • Música clásica
  • Jazz e Blues
  • Músicas do mundo
  • Música pop e rock

As películas tamén se clasifican por xéneros: Acción e aventuras, Animación, Cine de Autor, Cine Bélico ...

Os Audiovisuais informativos levan o número que se corresponde coa materia segundo a C.D.U.

Todo o material desta sala debe escoitarse por auriculares, que se solicitarán no mostrador. Consulte as normas para o visionado de películas nos reprodutores do segundo andar.

 

Recursos electrónicos

Son cd-rom, dvd-rom ou outros soportes electrónicos que ofrecen información interactiva para participar o usuario. Pode haber de todo tipo de materias: enciclopedias, xogos para aprender a conducir, manuais de historia do arte, recetas de cociña, etc. Levan unha signatura que comeza por RE.

 

Libros informativos

Documentos de non ficción clasificados pola C.D.U. (Clasificación Decimal Universal), con números do 0 ao 9. Os que non se prestan están sinalados cun punto vermello.

Os números correspóndense coas seguintes temáticas xerais:

  • 0 Xeralidades
  • 1 Filosofía, psicoloxía
  • 2 Relixión
  • 3 Ciencias sociais
  • 5 Ciencias puras
  • 6 Ciencias aplicadas
  • 7 Arte
  • 9 Xeografía e historia