Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta
02/05 - 31/05
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Exposición de carteis gañadora do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024 organizada pola SXPL (Secundaria)

Acollemos esta exposición elaborada polo CIFP A Carballeira-Marcos Válcárcel, de Ourense, que resultou premiada no Concurso das Letras Galegas 2024 na categoría de secundaria, bacharelato e outras ensinanzas. Este traballo destaca polo seu carácter innovador ao nos amosar a protagonista das Letras Galegas como un avatar que nos convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que descubriremos imaxes, recursos e actividades interactivas. É esta unha exposición moi acaída para os tempos actuais nos que as novas tecnoloxías da información e da comunicación non deixan de se incorporar ao noso quefacer diario.

Coa difusión desta proposta, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ademais de divulgar a figura e a obra de Luísa Villalta, pretende salientar o seu labor como renovadora das nosas letras ao abrir unha liña de indagación poética sobre as interseccións entre a música e a poesía, o marcado feminismo e o discurso ético que impregnan toda a súa creación, e o fondo compromiso e desexo de contribuír coa súa achega, a unha sociedade máis igualitaria.

Pode visitarse do 2 ao 31 de maio no 2º andar no horario de apertura da biblioteca.