Historia do teléfono na provincia de Lugo

01 de Xuño - 31 de Agosto 2026, 9:00 - 14:00
Imaxe
Biblioteca Pública de Lugo
Lugo

A Biblioteca Pública de Lugo acollerá unha exposición sobre a historia da telefonía na provincia, organizada pola Asociación Sénior de Telefónica de Lugo (Astelu).

Baixo o título ‘Historia do teléfono na provincia de Lugo’, a exposición inaugurarase o próximo luns, 1 de xuño, ás 19,00 horas e poderá visitarse ata o 31 de agosto.

Reúne arredor de 80 fotografías antigas e unha ampla mostra de equipos, documentos e material histórico que permiten facer un percorrido polo máis dun século de historia da telefonía na provincia.

Así, poderanse ver desde antigos teléfonos de manivela, de magneto ou de disco ata os primeiros aparellos ‘mans libres’ e os actuais móbiles intelixentes.

A mostra inclúe tamén ferramentas, redes telefónicas, centrais de conmutación, guías telefónicas e outras publicacións, así como un cartel coa cronoloxía da telefonía en Lugo.

Entre as pezas máis singulares figuran unha guía telefónica de Galicia datada no ano 1930 e unha centralita rural de 30 liñas, das primeiras que se instalaron na provincia.

Sala de exposicións da biblioteca (área de acollida)

No horario de apertura da biblioteca