O servizo de préstamo ofrece ao público a posibilidade de ler ou consultar, durante un tempo determinado e baixo unhas condicións específicas para cada tipo de material, os documentos “prestables” da biblioteca.
En xeral, este servizo permite gozar da colección fóra das instalacións da biblioteca. Porén, polas súas características, algúns materiais só poden usarse dentro dela.
Se o material solicitado non forma parte da colección da biblioteca, podes facer unha suxestión de compra, que será valorada polo centro.
Requisitos
Para poder facer uso deste servizo é necesario ter o carné de biblioteca, válido para toda a Rede de Bibliotecas de Galicia.
Podes consultar todas as bibliotecas que forman parte da Rede no Directorio de Bibliotecas.
Nesta sección podes informarte sobre as formas de solicitar o carné, as súas características e prestacións.
Modalidades de préstamo
A biblioteca ofrece o servizo de préstamo baixo as seguintes modalidades:
Préstamo persoal
Realízase de xeito directo e individual a cada persoa usuaria da biblioteca nos mostradores de préstamo ou nas máquinas de autopréstamo (a partir de 14 anos).
O carné de persoa adulta permite levar prestados un máximo de 20 exemplares por persoa. Pódense facer distintas combinacións de materiais de adultos e infantís ata o máximo establecido.
Para coller en préstamo certos materiais como lectores de libro electrónico, ordenadores portátiles e tabletas, é necesario ser maior de idade.
- Cadro resumo de préstamo para público adulto.
- Condicións para o préstamo de dispositivos electrónicos.
O carné infantil permite levar prestados un máximo de 17 exemplares por persoa. Este carné dá acceso a libros, películas e outros documentos que non estean destinados exclusivamente a persoas adultas.
Préstamo colectivo a entidades
É un servizo que ofrece a biblioteca a asociacións, institucións, colexios e institutos, centros ocupacionais, agrupacións culturais, centros de recursos, grupos de teatro e outros colectivos.
O número máximo de documentos que se poden retirar por carné é de 60 por biblioteca e 120 en total en toda a rede.
Préstamo interbibliotecario
A biblioteca proporciona a posibilidade de levar en préstamo os documentos que non se atopen entre os fondos do centro pero si noutras bibliotecas da Rede, baixo as seguintes condicións:
- Con carácter xeral, poden solicitarse documentos dalgunha das seguintes bibliotecas:
- Biblioteca de Galicia (só materiais da Biblioteca Central de Préstamo)
- Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
- Biblioteca Pública de Lugo
- Biblioteca Pública de Ourense Nós
- Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
- Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
- Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
- Biblioteca Municipal Central de Ferrol
O persoal bibliotecario escollerá a biblioteca na que fará a petición. Se por razóns xustificadas a persoa interesada precisa un exemplar en concreto, debe indicalo así na solicitude.
- A persoa usuaria pode localizar o título do seu interese no catálogo. Debe terse en conta que hai documentos excluídos deste servizo, como as obras do depósito legal, o fondo antigo, os documentos de acceso restrinxido e as revistas.
- O préstamo pode solicitarse por calquera das seguintes vías:
- A través do formulario web Solicitude de préstamo de materiais doutra biblioteca, ou Solicitude de Préstamo Interbibliotecario (para bibliotecas).
- De forma presencial na biblioteca.
- Por teléfono, chamando ao 982 828 330.
- Pode solicitar 1 só documento de cada vez. Se a obra está formada por varias partes (volumes dun libro, capítulos dunha serie, etc.), poden solicitarse ata un máximo de 3 documentos.
- Cando estea xustificado por razóns de investigación ou estudo, poderanse realizar peticións de materiais a outras bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ou a algunha Biblioteca Pública do Estado, distintas das sinaladas no punto 1. Esta biblioteca encargarase de localizar a obra e realizará as xestións necesarias para obtela, pero en calquera caso, a decisión sobre o envío correspóndelle á biblioteca de orixe. Este servizo podería supoñer custos para o usuario ou usuaria.
- Unha vez que o documento se reciba nesta biblioteca, a persoa solicitante recibirá un aviso no enderezo de correo electrónico que figure na súa conta de usuario/a ou, se non dispón de correo electrónico, por teléfono. A partir dese momento dispoñerá de 7 días hábiles para facer a recollida. Se non retira o material solicitado nese prazo, terá unha sanción de 10 días sen préstamo.
- Os materiais poderanse consultar nesta biblioteca ou prestarse a domicilio, en función das condicións que teña establecidas para eles a biblioteca de orixe. No caso de préstamo a domicilio, a devolución do documento farase nesta biblioteca.
- Se solicita a copia dunha parte dunha obra (un capítulo ou artigo, un número determinado de páxinas), a biblioteca poderá optar por enviarlle unha copia ao correo electrónico, con suxeición en todo caso aos límites impostos polos dereitos de propiedade intelectual.
Renovacións
Os préstamos pódense renovar transcorridos 5 días desde o seu inicio, ata o día da súa caducidade:
- A través da conta persoal do/a usuario/a, identificándose co número de carné da biblioteca e un contrasinal.
- Por teléfono, chamando ao 982 828 327
- Na propia biblioteca.
Non se permite a renovación dos documentos reservados.
Reservas
No caso de querer levar en préstamo un exemplar que estea prestado a outro usuario ou usuaria, pódese reservar a través da conta persoal do/a usuario/a ou na biblioteca. O número máximo de reservas por persoa é de 6 (3 para libros e revistas, 2 para outros materiais e 1 para lectores de libro electrónico).
O prazo para recoller as reservas é de 3 días, no caso de non recollelas quedan anuladas.
Os documentos reservados non se poden renovar.
Devolucións
Todas as devolucións deben efectuarse na biblioteca na que se levou a cabo o préstamo, independentemente da súa modalidade.
O material prestado poderá devolverse:
- Nas máquinas de autodevolución.
- Nos mostradores de préstamo.
- Na caixa de devolucións situada no exterior das instalacións da biblioteca. Esta opción permite facer a devolución fóra do horario de apertura da biblioteca.
Sancións
Non respectar os prazos de préstamo sanciónase con 1 día sen poder levar ningún material en préstamo por cada día e documento adiado. Se o documento non se devolve, o carné da biblioteca queda bloqueado permanentemente.
Estas sancións teñen efecto en todas as bibliotecas da rede.
En caso de deterioro dun documento por parte dunha persoa usuaria, o persoal da biblioteca valorará se é posible a súa reparación cos medios de que dispón. Se non é así, debe repoñelo o propio usuario ou usuaria.
En caso de perda dun documento por parte dunha persoa usuaria, debe repoñelo.
Se o exemplar xa non está dispoñible no mercado, o persoal da biblioteca proporá un título alternativo. Mentres non o repoña, o lector ou lectora non pode levar ningún material en préstamo.