Celebramos o mes da ciencia en galego nas bibliotecas con este obradoiro coordinado por Xan Eguía
Hai todo un mundo natural agochado nas nosas cidades e, moitas veces, pasa desapercibido. As aves están aí: nos parques, nas prazas, nas árbores ou mesmo nos tellados dos edificios. Só precisamos aprender a mirar, escoitar e recoñecelas.
Esta actividade propón achegarnos á biodiversidade urbana dunha maneira divertida, práctica e participativa. A través da observación e do debuxo, descubriremos diferentes especies de aves e aprenderemos a utilizar ferramentas propias da observación da natureza, como os cadernos de campo, as guías, os mapas, os prismáticos, os telescopios ou as cámaras.
Crearemos aves a tamaño real empregando papel e materiais reciclados e converteremos estes elementos en protagonistas de xogos e dinámicas abertas nas que poderá participar o conxunto das persoas usuarias.
Unha proposta para observar, crear, aprender e compartir, que combina natureza, creatividade e participación e que nos invita a descubrir que, ás veces, para coñecer novos mundos non precisamos ir moi lonxe: só temos que aprender a mirar o que temos diante.
3 sesións:
Venres 13, 20 e 27 de novembro de 2026 de 18.00 a 19.30 h.
12 nenos/as, cada neno/a pode vir acompañado/a dunha persoa adulta
Público infantil de 8 a 12 anos
Inscrición previa a partir do 4 de novembro de 2026 ás 8:30 h. a través do formulario da nosa páxina web. Recibe o aviso a través do boletín de novas.
As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición. No caso de ser seleccionado/a a biblioteca poñerase en contacto con vostede por correo electrónico uns días antes da actividade.