Libri Terrae é un proxecto para animar á lectura dun xeito orixinal e diferente da man de catorce personaxes creados coa forma de distintos libros e que farán máis divertido e atractivo estes obradoiros e actividades.
Os Libri son uns personaxes que viven en Libri Terrae, un mundo de fantasía onde todo ten a forma de libros. A súa vida discorre na produción de libros pero tamén no seu proceso de creación, no mundo das palabras, das letras e da imaxinación, compoñentes básicos de cada un dos libros.
Obxectivos de Libri Terrae
Conseguir fomentar a lectura e a escritura.
Reorientar a lectura dos/das participantes e ensinar dun xeito didáctico os beneficios persoais que conleva unha correcta lectura e darlle valor aos libros tanto coma instrumento de aprendizaxe coma en relación ao seu coidado.
Divertir e mostrar un xeito orixinal e diferente de animar á lectura con recursos pouco utilizados e espertar o interese dos nenos/as pola lectura e polos libros.
Fomentar valores, actitudes e aptitudes cara unha lectura e escritura de calidade. Porque o proxecto de Libri Terrae comprende obradoiros e actividades de localización espacial, de ritmo, de música, de expresión corporal, de memoria, coordinación, reflexos, lingüísticos que son a base para lograr unha correcta lectura e asimilación de conceptos.
Incentivar a imaxinación, a creatividade e a fantasía dos nenos/as grazas a este mundo e os seus personaxes.
Ensinar aos/ás participantes as partes que compoñen un libro e inculcarlles o respecto cara a eles.
Fomentar entre os/as participantes o traballo en equipo e a colaboración nunha estratexia de xogo e ocio común
Data e hora: Do 19 ao 30 de agosto de 11 a 13 horas.
Público destinatario: Infantil, de 4 a 8 anos
Inscrición previa na web da biblioteca a partir do 7 de agosto ás 9:00 horas.