A biblioteca

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal abre as súas portas no ano 2008 coa vocación de ser un espazo de comunicación e participación aberto e plural, atender as vosas demandas de información, cultura e coñecemento, e ofrecervos recursos culturais, informativos e tecnolóxicos de calidade.

Queremos que a biblioteca sexa un espazo de encontro, onde poder formarse, aprender, compartir experiencias, relacionarse... un espazo accesible a toda a comunidade en igualdade de condicións, integrador, gratuíto e libre, onde poidades potenciar a vosa creatividade.

 

Biblio exterior

Na biblioteca preocupámonos por formar unha boa colección de libros, revistas, audiovisuais, libros electrónicos... e potenciar a lectura. Podedes axudarnos a acadar este obxectivo coas vosas suxestións de compras.

Programamos actividades para todos os públicos, e cedemos espazos para que vós poidades realizar as vosas, porque a biblioteca tamén é lugar para o ocio. Tamén podedes colaborar con nós a través dos programas de voluntariado da Xunta e doutras formas. Valoramos moito a vosa participación, porque a biblioteca facémola entre todos e todas.

A biblioteca preséntase tamén como un espazo de aprendizaxe, aberto ao futuro e á innovación. Ofrecémosvos recursos para a autoaprendizaxe ademais de actividades formativas.

A biblioteca baséase en valores democráticos, é un ben común, un servizo para toda a sociedade. Aproveitade o que vos ofrece!

Lateral

A biblioteca das persoas

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal é unha biblioteca pública porque...:

  • ten sitios adaptados para todas e todos
  • ten servizos pensados para todas e todos
  • fai actividades para todas e todos.

En definitiva, porque é a biblioteca de todas e todos.

Esta biblioteca é o punto de partida de milleiros de viaxes porque aquí non só hai libros. Contos emocionantes para que as máis pequenas/os se divirtan e maduren, cursos onde aprender de xeito práctico e divertido. Aquí podes tomar un café e practicar idiomas sen saír de Santiago. Un lugar para compartir as historias que máis nos emocionan; onde poder formarte e preparar o teu futuro; para estar á última e para redescubrir a Historia; conectarte ou desconectar abrindo a túa mente e poder ler todas esas novelas agora que por fin tes tempo.

Aquí estamos para ti. Porque esta é a túa biblioteca: a biblioteca das persoas