Coleccións especiais

Temos 6 centros de interese permanentes nos que recollemos todos os documentos relativos a unha materia que pola súa demanda e interese para as nosas usuarias e usuarios agrupamos nun lugar destacado.

 

No segundo andar: 

  1. Linguas

O centro de interese de Linguas inclúe todo o relativo ás diferentes linguas: gramáticas, dicionarios, métodos de aprendizaxe de idiomas e obras literarias en linguas non oficiais en Galicia.

As obras sobre Lingüística e linguas en xeral levan unha signatura que comeza por 80 ou 81.

As obras de aprendizaxe de idiomas están clasificadas por idiomas, igual que as obras literarias noutras linguas. Por ex. unha obra de aprendizaxe de lingua inglesa levaría unha signatura comezada por INA (aprendizaxe de inglés), e unha novela en inglés levaría unha signatura comezada por INN (narrativa en inglés)

Todos os documentos desta sección levan unha icona temática.

 

Linguas
  1. Viaxes

Este centro de interese reúne os documentos relativos a viaxes: as descricións de viaxes, as guías turísticas, as rutas, os mapas e planos.

Tanto as guías coma os mapas levan un identificador do lugar ao que fan referencia. Os referentes a Galicia levan un G (G-908 as guías e MP-G os mapas), os materiais sobre España levarían o 908(460) ou o MP(460), e os documentos relativos a outros países, o identificador numérico do continente ao que pertencen:

(5) Asia
(6) África
(7) América do Norte e Central
(8) América do Sur
(9) Pacífico do Sur e Australia

 

Viaxes
  1. Música e Cine

O centro de interese de Música recolle todos os documentos relativos á música, os diferentes estilos, a historia, as biografías de músicos, a técnica musical, instrumentos...

Esta sección divídese en grupos:

  • Música rock e pop (inclúe biografías e historia)
  • Música jazz e blues (inclúe biografías e historia)
  • Músicas do mundo (inclúe biografías e historia)
  • Música clásica (inclúe biografías e historia)
  • Música Instrumentos
  • Música Teoría
  • Música impresa (partituras)

O centro de interese de Cine recolle todos os documentos relativos ao cine: a historia, os estilos, os autores, as técnicas...

Esta sección divídese en grupos:

  • Cine xéneros
  • Cine historia
  • Cine biografías (inclúe actores, directores, guionistas, etc.)
  • Cine técnica (para teoría e técnica cinematográficas)
Música
  1. Biblioterapia

Centro de interese que recolle as obras do proxecto Biblioterapia. Lecturas saudables promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas, colexios profesionais e sociedades científicas, asociacións de pacientes e expertos en saúde e literatura.

A biblioterapia consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico (libros de autoaxuda) ou de desenvolvemento (novelas). Recórrese a ela principalmente para apoiar o tratamento de trastornos mentais e problemas emocionais e para promover a saúde mental. Ter acceso aos libros recomendados pode axudar a pacientes e familiares a entender mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a mellorar o seu benestar.

 

Biblioterapia

No terceiro andar: 

  1. Biblioteca feminista

Centro de interese con libros (ficción e non ficción), películas e revistas de temática feminista.

O fondo que aquí reunimos pretende dar visibilidade a estes materiais e concienciar aos usuarios e usuarias da importancia de que non existan as diferenzas por razón de xénero.

 

  1. Biblioteca LGTBI+

Centro de interese con libros (ficción e non ficción) e películas de temática LGTBI+.

O fondo que aquí reunimos pretende contribuír á visibilización e normalización do colectivo LGTBI+ ante a sociedade

Feminista