A zona Infantil e Xuvenil atópase no primeiro andar da Biblioteca. É para uso exclusivo das nenas e nenos menores de 14 anos e os/as seus/súas acompañantes.
Aquí atoparedes una pequena biblioteca con todo o preciso para o público infantil e xuvenil cunha colección bibliográfica e multimedia axeitada para idades comprendidas entre os 0 e os 13 anos.
Neste andar realízanse moitas actividades de animación á lectura (contacontos, obradoiros, lecturas en voz alta...), de pasatempo, música, traballos manuais...

Na sala infantil o nivel de ruído é superior ao das outras salas, pero non se permiten berros nin escándalos. Ademais hai unha serie de normas básicas:
- O acceso á sala infantil é para todos os públicos, pero os postos de lectura son unicamente para uso dos e das menores de 14 anos e as persoas acompañantes.
- Os catálogos en liña son para uso de todos os públicos, mais os postos de consulta de internet, ofimática e audiovisuais son de uso exclusivo para os e as menores de 14 anos.
- As nenas e nenos ata os 7 anos de idade teñen que estar acompañados dunha persoa adulta en todo momento, que ten a responsabilidade do seu bo comportamento.
- Os rapaces e rapazas de 8 anos en adiante que molesten, berren en exceso ou teñan un comportamento pouco axeitado e/ou que poida interferir no estudo ou lectura dos outros usuarios/as, poden ser expulsados da sala.
- As persoas adultas interesadas en ler algún libro da sala poden facelo na zona Recuncho de pais e nais ou levalo a outro andar.
- As persoas menores de 14 anos interesadas na consulta de documentos doutras salas poden collelos e baixalos á sala infantil para consultalos, coa excepción da prensa diaria. O persoal da biblioteca non controla estas lecturas, teñen que facelo os/as acompañantes adultos/as.
- A bebeteca é para menores de 4 anos e acompañantes. Nesta zona é obrigatorio descalzarse por razóns de hixiene.
- O uso dos baños está reservado para os/as menores e os/as seus acompañantes.
- Igual que no resto das salas non está permitido comer, beber e falar por teléfono.
- Está permitido beber auga e, por suposto, dar o peito.
