Como funciona a plataforma de préstamo dixital GaliciaLe?

GaliciaLe é a plataforma de préstamo en liña de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.

Conta con dous catálogos: o Catálogo galego, e eBiblioGalicia. As obras incluídas nestas dúas contornas poderanse ler e visionar en dispositivos compatibles en función do seu formato: lectores de libro electrónico, tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. Dependendo do documento de que se trate, a lectura pode facerse en liña ou mediante descarga. A visualización de películas só pode facerse en liña.

Para poder acceder a GaliciaLe só precisas ter o carné dalgunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e iniciar sesión no catálogo que elixas, empregando o usuario e contrasinal que che proporcionaron xunto co carné, e que tamén serve para acceder á túa conta persoal.

Tamén podes empregar o servizo desde a aplicación móbil de cada un dos catálogos.

Poden tomarse en préstamo:

  • Ata un máximo de tres libros en cada catálogo durante un prazo de 21 días.
  • Ata dous audiolibros en cada catálogo, durante 21 días.
  • Ata dúas revistas durante 3 días.
  • Ata dúas películas (unicamente no catálogo galego) durante un prazo de 48 horas.

Máis información en:

GaliciaLe

Apps da Rede