A comicteca de adultos da Biblioteca Nós agrupa unha selección de cómics dirixidos a un público maior de 18 anos, en contraposición á comicteca infantil da sala infantil (ata 13 anos) e a de xuvenil no Espazo Xove (entre 14 e 18 anos). Sitúase na planta baixa da biblioteca, nun espazo compartido co Espazo Xove.
A colección, nun intento por acadar a máxima representación de estilos narrativos e estéticos, así como de temáticas, inclúe tanto autorías de todo o mundo como cómics propiamente ditos, fanzines, libros sobre teoría do cómic, catálogos de exposicións e de concursos e revistas.
A comicteca está dividida en varias subseccións, na maior parte dos casos relacionadas coa orixe da autoría das obras. Á súa vez, as orixes elixidas están ligadas ás chamadas escolas de cómic. Estas agrupan cómics dun determinado lugar e que comparten uns estilos e temáticas semellantes, aínda que nos últimos tempos as diferencias entre as escolas están a difuminarse.
As signaturas que identifican ás subseccións son as seguintes:
- COM(PUB). Obras sobre historia e teoría do cómic, técnica de debuxo, catálogos de exposicións e similares.
- COM(ES-gal). Obras de autoría galega. Tamén están incluidas aquí as obras de fondo local, destacadas co adhesivo FL. Destacadas en laranxa.
- COM(ES). Obras de autoría española e hispanoamericana. Destacadas en vermello.
- COM(EUR). Obras de autoría europea ou que seguen a tradición da escola europea, como parte de Canadá. Destacadas en azul.
- COM(EU). Obras de autoría estadounidense ou editadas por selos editoriais deste país. Destacadas en amarelo.
- COM(S). Obras protagonizadas por superheroes, sen importar a orixe das autorías. Destacadas en rosa.
- MANGA. Obras de autoría asiática ou que seguen a tradición dos cómics asiáticos.
A maiores, mantendo esta clasificación, teñen o seu propio espazo uns detrás dos outros:
- As novidades, cun expositor no que imos amosando as incorporacións mensuais.
- As suxerencias do club de cómic. Recopilación de obras relacionadas coas lecturas do club de cómic dese mes.
- O cómic clásico, destacado cunha estrela amarela. Obras de autorías consideradas clásicas, a maioría delas editadas antes dos anos 90.
- Fanzines, identificados coa signatura FAN. Obras autoeditadas, a miúdo de autorías noveis. Nunha caixonera fronte ao cómic español e hispanoamericano.
Club de lectura de cómic
O club de lectura de cómic encádranse dentro da programación para a difusión da comicteca da Biblioteca Nós. Comeza en xaneiro de 2022 e está dirixido a persoas maiores de 14 anos.
Entre os seus obxectivos destacamos:
- Normalizar o cómic como unha forma de expresión literaria e artística.
- Dar a coñecer e fomentar o uso da comicteca da biblioteca.
- Enriquecer o punto de vista da propia biblioteca grazas ás opinións compartidas polas persoas integrantes do club.
O club de lectura de cómic reúnese unha vez ó mes, de setembro a xuño. Intercala lecturas conxuntas, nas que todo o grupo lee o mesmo cómic e debate as súas impresións sobre o mesmo; e lecturas temáticas, nas que se propón unha serie de obras sobre un tema concreto e cada persoa presentará posteriormente cales son os cómics que leron ó respecto.
Para máis información sobre os clubs de lectura da biblioteca, cosultade o espazo que lles aplicamos na web.