Club de lectura infantil

Imaxe
Presencial
Infantil

A Biblioteca ofréceche participar nun club de lectura de non ficción para dez nenas e nenos de 9 a 11 anos que estará coordinado por Montse Pena Presas. A actividade terá lugar na sala infantil en martes alternos de xaneiro a  maio en horario de 17 a 18.30h. Estas son as datas concretas: 21 de xaneiro, 4 e 18 de febreiro, 18 de marzo, 8 e 22 de abril, 6 e 20 de maio

 

Para participar é necesario inscribirse a través deste formulario. A inscrición segue aberta e é imprescindible ter carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia cando comece a inscrición. Ademais, as pequenas e pequenos participantes deben ter entre 9 e 11 anos cumpridos. As nenas y nenos que tiñan praza na anterior convocatoria, mantéñena para as sesións de xaneiro a maio.

Esta actividade ten como obxectivos fomentar o achegamento a libros de non ficción de temáticas variadas; desenvolver o pensamento crítico; vencellar a lectura con actividades de tipo lúdico a través das temáticas abordadas e empregar a lingua galega nun contexto de educación non formal.

En cada sesión traballarase cun libro de non ficción como centro a partir do que se levará a cabo unha conversa literaria entre a rapazada participante. Nunha segunda parte, realizaranse actividades lúdicas a partir do libro que, dependendo da sesión, implicarán transversalmente a arte, as ciencias ou o pensamento así como a utilización doutras obras de características semellantes.

Importante: esta iniciativa forma parte do proxecto "Lecturas no ficcionales para la integración de ciudadanas y ciudadanos críticos en el nuevo ecosistema cultural" (IP: Rosa Tabernero), financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia. Por este motivo, as sesións contarán con gravación de voz. Para tal fin, pasarase a conseguinte autorización ás familias da rapazada participante.

Montse Pena Presas é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da USC e especialista en literatura infantil e educación literaria. É autora de 4 libros e numerosos artigos de investigación sobre estas temáticas, entre os que destaca a obra Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia (2018). Divulgadora de libros infantís en diferentes medios como o Diario Cultural da Radio Galega ou “Faro de Cultura” de Faro de Vigo, en 2022 comisariou a exposición “Unha árbore de historias: cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego”, organizada pola Biblioteca de Galicia.